Partido Popular de Lugo

A Deputación supervisou a elaboración do informe técnico da adxudicación do Innova-te, asegura o GPPP

Lugo, a 16 de febreiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular asegura que a Deputación Provincial de Lugo soubo en todo momento cómo se estaba a elaborar o informe técnico para adxudicar o proxecto de despregue da administración electrónica na Deputación e nos concellos.

De feito, un técnico do ente provincial, José Enrique Rodríguez Coello, director do proxecto Innova-te do Inludes, e asesor da presidencia para fondos europeos, persoal eventual contratado polo PSOE, efectou unha “supervisión permanente” dos traballos realizados polo equipo de valoración de Pricewaterhousecoopers (PWC). O informe de PWC valora a oferta encabezada por Mnemo como a máis completa e a proposta da Mesa de Contratación é adxudicar a Mnemo o proxecto Innova-te, que tén un presuposto que ronda os 6,7 millóns de euros.

Os populares indican que así consta nun informe da Secretaría Xeral Adxunta (SXA) da Deputación que obra no expediente de contratación do indicado proxecto. O referido informe indica que tamén se contou “coa intervención” dun empregado público do Inludes, pero non fai ningunha valoración sobre o elaborado por PWC, limitándose a destacar “a exhaustividade e pormenorización do mesmo” e indica asimesmo que “.. unha explicación técnica (do informe de PWC) que, por suposto, non é obxecto do presente informe e que motiva adecuada e suficientemente a puntuación acadada…”. A pesares de todo, o documento da SXA fai constar que o informe de PWC “é refrendado polo presente informe”.  

Polo tanto, resulta sorprendente que desde a propia Deputación non se elaborase outro informe técnico, para ratificar ou correxir, se fose o caso, o informe de PWC, máxime tendo en conta a vinculación previa existente entre PWC e Mnemo, a través de UTEs en Cantabria e Canarias, e tamén dentro do Lugo O2.

CONTRATACIÓN DUN COORDINADOR.- Por outra banda, os populares manifestaron que a Fundación Crea, institución que leva a cabo o proxecto de desenvolvemento do proxecto Lugo O2, anunciou o 21 de setembro de 2009 a convocatoria para a contratación con carácter temporal dun coordinador para a execución do proxecto “Posta en valor dos recursos naturais e paisaxísticos dos concellos comprendidos nas tres reservas da biosfera da provincia de Lugo e a Serra do Courel”.

Os requisitos profesionais esixidos pola Fundación Crea foron os seguintes:

· Disponer de titulación de un Ciclo Medio o Superior de formación profesional en materias de capacitación agraria o similar.
· Titulación de Técnico de Medio Ambiente.
· Titulación de nivel medio en materia de prevención de riesgos laborales.
· Experiencia profesional de al menos 20 años.
· Experiencia de al menos 10 años en el área de RRHH.
· Conocimiento de Gallego (hablado y escrito).
Los requisitos establecidos para participar en el proceso de selección deberán poder acreditarse en el momento de finalizar el plazo de presentación de solicitudes.

As bases indican que o soldo será de 1.800 euros brutos ó mes.

Pois ben, o 1 de outubro a Mesa de Selección de Candidatos da Fundación Crea reuniuse para seleccionar a persoa que ía ocupar o indicado posto, e “se procede a la revisión de la documentación aportada por D. Jesús Pérez Moreda, único candidato que ha concurrido a la convocatoria de selección”.

Para os populares resulta curioso que para coordinar as actuacións indicadas a Fundación Crea só esixise ter nivel medio de prevención de riscos laborais, pero tamén unha experiencia profesional mínima de 20 anos.

O GPPP matizando que todo o mundo tén dereito a un posto de traballo incluído o candidato seleccionado, non deixa de ser lóxico que só se presentase un único candidato, dados os requisitios que se pedían. Xa non é tan lóxico que ese candidato sexa precisamente unha persoa que formou parte no seu momento do BNG ribadense, onde exerceu coma concelleiro, e que tén unha vinculación de amistade con certos membros do PSOE da localidade.

Os populares conclúen que a Deputación bipartita estase a utilizar para colocar a ex-cargos da Xunta bipartita e se os postos disponibles non son suficientes, hai empresas que traballan para a Deputación que se prestan a este cometido, como é o caso da Fundación Crea.

A conclusión que saca o GPPP é que os cartos de todos os cidadáns da provincia son aproveitados para pagar favores políticos con carácter sectario e clientelar.