Partido Popular de Lugo

Carta aberto do Partido Popular da Mariña: A SAÚDE, A NOSA PRIORIDADE

Un dos piares do estado de benestar é o sistema público sanitario. Todos os galegos, todas as galegas, con independencia da súa idade ou lugar de residencia teñen dereito a vivir e desfrutar da vida con saúde, e polo tanto, a recibir uns mesmos servizos sanitarios e da mellor calidade no menor tempo posible.

O compromiso do Partido Popular coa mellora da sanidade pública galega vén de longo: fomos os que conseguimos que o Estado lle transferise a Galicia os servizos do INSALUD na nosa terra; para poñer a continuación en marcha diversos plans para a mellora do sistema de atención sanitaria en Galicia, entre os que está a que, ata o momento, foi a única ampliación do Hospital da Costa de Burela.

Nos últimos catro anos o Partido Popular, na maior parte das veces en solitario, pero coa forza que implica ser eco de centos e miles de voces de veciños desta comarca, alertou sobre o progresivo deterioro do sistema público de saúde. A xestión do bipartito estaba a prexudicar dun xeito evidente o sistema, como todos podían comprobar a diario, nas consultas médicas e cirúrxicas do Hospital da Costa, nas que se multiplicaban as listas de espera que chegaban incluso aos centros de saúde ou á prescrición de receitas médicas.

Corrixir esta herdanza que cualificamos como envelenada non é sinxelo. Nin queremos nin debemos mentir facendo crer aos veciños desta comarca que temos a solución máxica, que tras dez meses de cambio de Goberno na Xunta, esta situación está superada. Pero o que está claro é que hai disposición para facelo, hai compromiso político para logralo, e esperemos que nesta ambiciosa tarefa contemos co apoio e colaboración, que seguro existirá, de todos os profesionais sanitarios e  traballadores do SERGAS na Mariña. Para que todos xuntos sexamos unha forza que impulse este proxecto e non un obstáculo para acadalo.

Nos pasados días deuse a coñecer unha carta asinada por un importante número de facultativos do Hospital que amosaban as súas inquedanzas pola situación do sistema sanitario. Malia que respectamos, como non podía ser doutro xeito a súa opinión e valoración, non compartimos en moito o seu pesimismo para o futuro. Estamos convencidos de que as cousas poden mellorar e que se están a dar pasos decisivos para conseguilo. Hoxe os orzamentos da Xunta achegan o dobre de  investimento ca no pasado ano, para as obras do hospital e existe un compromiso, ratificado en palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para garantir a autonomía na xestión da área sanitaria comarcal e un reforzo e ampliación do seu catálogo de especialidades e servizos, algo que todos poderemos ver proximamente.  

Moitos veciños da Mariña non comprenden como é posible que tras catro anos de silencio, e a pesar do que estaba acontecer, sexa agora cando se suceden semanalmente as notas de prensa dalgúns sindicatos que antes non dicían nada e as propias críticas de parte do persoal deste centro sanitario. Sorpréndenos, de feito, que estes non amosaran con igual vehemencia a seu rexeitamento a proposta de ordenación sanitaria de Galicia feita polo bipartito na que se contemplaba a desaparición da área sanitaria de Burela e a súa integración na de Ferrol.

No Partido Popular tamén asistimos con certa perplexidade a este feito, mais desexamos que se trate dun toque de atención daqueles que están comprometidos a vogar na mesma dirección, para a acadar unha mellora do sistema público de saúde inaprazable. 

Temos a seguridade de que os problemas descritos non empezaron fai dez meses co cambio de Goberno, senón que veñen de antes, pero agora si, cómpre subliñalo, hai un Goberno decidido a solucionalos. O Partido Popular ten moi claro que desde a responsabilidade de goberno da Xunta, outorgada tamén coa complicidade do voto dunha  maioría de veciños desta comarca, é prioritario apostar pola saúde pública. A crise actual obriga a que primemos os investimentos en medidas e medios que redunden nunha mellor atención aos pacientes e en renovar e actualizar as instalacións. Cando moitas familias non chegan a fin de mes non é o  momento de primar os intereses particulares de ningún colectivo sanitario.

Unha vez máis facemos un chamamento á responsabilidade de todos, tamén da nosa, co obxecto de non xerar alarmas inxustificadas, como nos últimos  meses pretenderon crear as forzas políticas da oposición, facendo política cun tema tan sensible como é o da saúde, para si obter cuestionables réditos electorais. Os veciños da Mariña deben saber que nin se eliminará a atención médica  urxente, nin se perderá ningunha especialidade, nin deixará de xestionarse desde Burela a sanidade comarcal como si pretendeu o bipartito. Debe cesar a confusión e a mentira.

Finalizamos como empezábamos, ratificando o compromiso do Partido Popular polo sistema de benestar, polo sistema público de saúde. Traballaremos arreo, sen descanso, para que os veciños da Mariña poidamos recibir unhas prestacións e servizos sanitarios moito mellores dos que hoxe dispoñemos. Para este Goberno, a protección da saúde, como dereito constitucional, é a principal prioridade.

Partido Popular da Mariña