A Mariña, 12 de febreiro de 2010.- A senadora María del Carmen Gueimunde, do parlamentario autonómico Jose Manuel Balseiro así como dunha serie de representantes municipais do Partido Popular dos concellos polos que transcorre a nacional 640, mantiveron na tarde de hoxe unha xuntanza coa plataforma veciñal que reclama o arranxo urxente desta vía.
O obxecto da convocatoria foi dar conta da ofensiva que o Partido Popular ten previsto poñer en marcha nun triplo fronte: Senado, Congreso e Parlamento de Galicia co obxecto de requirir ao Ministerio de Fomento que cumpra a súa obriga de conservar, arranxar e mellorar esta infraestrutura de comunicación básica na zona oriental da Mariña lucense.
Os representantes do Partido Popular coincidiron cos membros da plataforma veciñal en cualificar de “lamentable” o estado que presenta esta vía estatal e que converte moitos dos seus treitos en practicamente intransitables, polo menos nunhas mínimas condicións de seguridade e calidade. Esta problemática afecta non só aos concellos lucenses de Ribadeo, Trabada e A Pontenova, senón tamén aos asturianos de Vegadeo e San Tirso de Abres.
CAMPAÑA DE SINATURAS E ADHESIÓN EN FACEBOOK.- Desde o Partido Popular amosaron o seu apoio á campaña iniciada pola plataforma veciñal tanto en diversos establecementos hostaleiros destes concellos como na rede social “Facebook” a través da que se poden facer explícita a sinatura e adhesión dos veciños a esta reivindicación.
María del Carmen Gueimunde subliñou que esta desatención de Fomento non é unha característica exclusiva desta vía senón que, por desgraza, é común a moitas das estradas de titularidade estatal que transcorren pola Mariña, como pode ser o caso da variante de Foz, ou dos treitos contiguos á futura autovía do Cantábrico. “Parece mentira que Fomento estea en mans dun lucense, o socialista Jose Blanco, que desatende deste xeito as súas obrigas coa súa provincia”.
Os representantes populares cuestionaron, finalmente que os socialistas estean a reclamar a creación de novas vías de comunicación cando son incapaces de garantir que as administración que eles dirixen desenvolvan a conservación básica das estradas da súa titularidade. Tampouco é positiva a posición do Bloque Nacionalista Galego tendo en conta que a súa negativa a vetar os orzamentos do Estado en Comisión, propiciou a aprobación dunhas contas, -os orzamentos de Zapatero- que esquecen por completo o investimento necesario para estas estradas nacionais do norte lucense.