Partido Popular de Lugo

SANIDADE DEIXA EN EVIDENCIA A PSOE E BNG TRAS DESMENTIR MESES DE ESPECULACIÓNS E MENTIRAS SOBRE A PERDA DE SERVIZOS E AUTONOMÍA DA ÁREA SANITARIA

A Mariña lucense, 06 de febreiro de 2010.- Segundo explicou o secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, a xuntanza mantida nos pasados días entre altos cargos da Consellería de Sanidade e membros da plataforma pola área norte de saúde confirmáronse os argumentos mantidos durante os pasados meses polo Partido Popular: A carteira de servizos do Hospital da Costa non só se manterá, senón que incluso será ampliada, a área norte de saúde non desaparecerá, senón que terá plena autonomía na xestión dos recursos humanos e materiais, e un presuposto independente. A maiores disto a titular do departamento de Sanidade confirmou que a área norte de saúde manterá un xerente propio, que xestionará dun xeito conxunto e integrado a asistencia primaria (centros de saúde) e especializada (PAC´s e Hospital).

PSOE E BNG EN EVIDENCIA.- Os devanditos compromisos unha vez máis veñen a deixar en evidencia a PSOE e BNG que durante meses especularon sobre a perda de autonomía e servizos da sanidade comarcal pese a ser plenamente conscientes de que o que estaban a dicir era “totalmente falso”. O seu único interese –en opinión dos populares- era xogar a confundir a cidadanía a xerar alarma social nun ámbito sensible como é o da saúde, co que pretendían acadar dubidosos réditos electorais.

“O tempo pon a cada un no seu sitio” –expón satisfeito Balseiro Orol- tras meses de debate sobre unha inexistente intención da Xunta de xestionar desde Lugo a área de saúde da Mariña lucense.

DESCULPARSE ANTE OS VECIÑOS.- O secretario xeral dos populares lucenses esixe aos cargos públicos do PSOE que se concentraron diante do hospital, e ao BNG –moi prolíficos nas súas declaracións nos medios de comunicación- que se desculpen ante os veciños da Mariña aos que quixeron converter en vítimas dun engano masivo. “O seu comportamento foi inaceptable, pois pese a ser plenamente conscientes mentiron aos mariñáns facendo crer que o Hospital da Costa, a súa autonomía e servizos estaba en perigo, cando o certo é que foi a súa mala xestión a que deixou a sanidade comarcal nun estado moi deteriorado que agora estamos traballando para corrixir” e lembran por exemplo as máis de 4.000 persoas que ocultaron da lista de espera e deixaron sen asistencia sanitaria e que agora “si a están a recibir”.

CO BIPARTITO A MARIÑA SEMPRE PERDE.- No Partido Popular están convencidos de que “con PSOE e BNG a Mariña sempre perde”. Balseiro Orol explica que cando socialistas e nacionalistas estaban no Goberno bipartito da Xunta porque “foron incapaces de acadar nada positivo e relevante para esta comarca”, e agora na oposición “porque tampouco son capaces de facer nada positivo e por riba inventan razóns para criticar os esforzos do novo Executivo popular por corrixir aquilo que está mal feito ou debe mellorarse, como é o caso do funcionamento do SERGAS”.