Partido Popular de Lugo

O PPDEG SOLICITA A CONSTRUCCIÓN DUN CIRCUÍTO DE MOTOCROSS EN TRABADA

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei instando á xunta a levar a cabao cantas accións foran necesarias para retomar a construción dun circuíto do MotoCross no Monte Veciñal en Man Común Paleira, no concello de Trabada (Lugo), baixo as condicións técnicas que marca a Real Federación motociclista Española para os seus campionatos. 

A deputada popular Emma Álvarez Chao considera que na Mariña de Lugo existen varios moto clubs formados que non teñen un circuíto estable onde practicar este deporte o que ocasiona numerosos problemas, xa que usan pistas dos montes que non están acondicionadas para elo, co conseguinte perigo para os participantes como para outros usuarios do monte. 

Segundo Emma Álvarez, concretamente no concello de Trabada se barallou a posibilidade de crear un destes circuítos nos montes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Paleira con boa disposición por parte dela, existindo unha cesión dos terreos necesarios para a súa construción por un tempo mínimo de 10 anos con data de 27 de xuño do 2007. 

A deputada popular criticou que “foi un proxecto constantemente vendido polo BNG e en concreto polo ex-conselleiro de Industria Fernando Blanco que tivo reunións cos comuneiros do Monte e con membros dos motoclubes da zona na parroquia de Valboa, xunto ao portavoz municipal do BNG, pero as xestións quedaron no camiño”. 

Para Emma Álvarez este monte ten unha boa comunicación por estradas e tería unha ampla zona de influencia: a zona Norte da provincia de Lugo así como o occidente asturianos que ata o de agora tamén carece deste tipo de instalacións. Recordou tamén que esta Comunidade de montes está intentando un aproveitamento multifuncional do monte, axeitando os usos ás demandas dos veciños e veciñas comuneiros e da sociedade en xeral. 

Segundo a deputada do PPdeG, esta iniciativa nace tras a reunión mantida hai poucos días por o alcalde de Trabada e ela mesma co Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.