Santiago, 5 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Socialista rexeitou no día de hoxe unha emenda do Partido Popular dirixida a dotar aos portos de Burela e Celeiro dun moderno sistema de videovixilancia que garanta o control de accesos diurnos e nocturnos a estas instalacións.
Os populares explicaron que o Ente Público Portos de Galicia mantén o seu compromiso de mellorar a seguridade nos espazos portuarios da súa competencia para dificultar a produción de actos que atenten contra a integridade dos barcos e das persoas. A iniciativa socialista se limitaba a pedir a presenza de vixilantes nocturnos, mentres que co sistema de videovixilancia que propuxo o PPdeG, a vixilancia prolongarase durante as 24 horas do día os 365 días ao ano.
Os populares foron moi críticos coa posición mantida polo Grupo Socialista e, máis en concreto polo deputado Ismael Rego a quen acusaron de estar ausente da vida política da Mariña lucense durante os últimos catro anos de Goberno bipartito. De feito afirman que durante este tempo o deputado socialista “non se mollou demasiado pola comarca” convencido que “desde a pasividade ante a discriminación e mala xestión do Executivo bipartito, podería manter a súa poltrona” Segundo o PP Ismael Rego foi incapaz de defender ningunha iniciativa en beneficio dos intereses dos veciños desta comarca e, moito menos, de sectores tan importantes como é o da pesca polo que, en consecuencia, non admiten ningún tipo de lección ao respecto.
No Partido Popular están convencidos da idoneidade deste novo sistema de control de accesos e vixilancia das instalacións portuarias que se levará a cabo con cargo ao Programa de Investimentos en Obras Menores que desenvolve o Ente público autonómico. O Grupo Popular explicou tamén que este novo sistema entrará en funcionamento de xeito inminente, despois de contar coas autorizacións pertinentes da Axencia Estatal de Protección de Datos e sinalan que poderá comprobarse a súa total efectividade e resultados positivos.