Santiago, 05 de febreiro de 2010.- No seo da Comisión de Pesca e Marisqueo celebrada no día de hoxe no Parlamento de Galicia prosperou unha iniciativa defendida polo Grupo Parlamentario Popular a través da que se lle reclama ao Goberno central un voto negativo diante da proposta da Comisión Europea que pretende modificar o sistema de control de biotoxinas e, máis en concreto, mudar o sistema biolóxico actual por un novo modelo químico.
José Manuel Balseiro advirteu que na primavera terá lugar a votación definitiva no seo das institucións comunitarias e o Goberno central ten que “adoitar como propios os postulados expostos pola Xunta de Galicia” para “liderar a defensa dos intereses de Galicia” evitando deste xeito que o cambio no modelo de control teña lugar. Malia isto, socialistas e nacionalistas non apoiaron a iniciativa pois pretendían introducir emendas no acordo final, que rebaixaban con moito a ambiciosa pretensión do Grupo Popular, baseada nun contundente rexeitamento a cambio do sistema de control das toxinas e na negativa a aceptar calquera variación nos actuais parámetros analíticos.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro lembrou que as consellerías de Mar e de Sanidade dispoñen dun informe científico “que avala a idoneidade dos métodos analíticos actuais e censuran por improcedente o cambio proposto pola Comisión Europea”, que afectaría “negativa e irreversiblemente” á produción mitícola e marisqueira galega sen achegar “ningunha mellora na seguridade alimentaria pública.