Lugo, a 5 febreiro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular presentou hoxe no rexistro da Deputación un escrito no que solicita información detallada sobre o aboamento das subvencións concedidas por Inludes a autónomos e empresas durante ano 2008, dado que sospeitan que aínda non se teñen aboadas todas as que se aprobaron.
Os populares tamén piden no escrito unha copia da acta da comisión ou mesa de valoración das indicadas axudas, neste caso correspondentes ó ano 2009, así como copia da acta da Comisión Executiva do Inludes na que conste tal concesión ou, no seu defecto, Decreto da Presidencia a tal efecto.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación José María González Barcia afirma que estas axudas xa tiñan que estar resoltas antes do remate de 2009, pero que nada se sabe ó respecto. Por esta razón os populares solicitan a documentación indicada posto que, de no se ter resolto este asunto, será moi difícil facelo no presente exercicio, dado que son cartos incluidos no capítulo de transferencias correntes.
Barcia indicou que o total da contía destinada a axudas a autónomos e Pemes para promoción do emprego ascende a 206.000 euros en 2009, mentres que as axudas destinadas a promoción e apoio da actividade económica supoñen 463.500 euros.
En total, 669.500 euros para estes conceptos en 2009, que aparecen nunhas bases que teñen data do 1 do setembro do pasado ano, o que deixaba moi pouco marxe para resolver a concesión da subvencións polo escaso prazo de tempo para presentar a pertinente solicitude.