Trabada, a 3 de febreiro de 2010.- José Manuel Yanes Ginzo continuará ó fronte do Partido Popular de Trabada. Así o decidiron a última hora da tarde de onte por aclamación os militantes durante unha asamblea xeral á que asistiron, entre outros, o Presidente provincial José Manuel Barreiro e o Secretario xeral da formación José Manuel Balseiro.
Yanes Ginzo, que non negou a súa satisfacción por seguir a contar coa confianza da militancia, está acompañado na executiva por Celso Ramón Currás Fernández, Rafael Fernández Díaz, Martín Fernández Fernández, José María Fernández Vázquez, Oliva Lombardero Rey, Félix Antonio López Díaz, José López Gavín, Juan Francisco López Prieto, José Recio Barata, José María Rodil López, Gregorio Rodríguez Gasalla, Eva Rodríguez López e Pedro Ramón Yanes Fernández.
“É unha candidatura heteroxénea, na que se combina veteranía e xunventude para asegurar a continuidade da formación e na que se incorporan tamén representación feminina para darlle ás mulleres o protagonismo que merecen”.
Implicar ós veciños de Trabada no proxecto do Partido Popular, incrementando a afiliación sobre todo entre a xente moza, é precisamente un dos obxectivos que se marca José Manuel Yanes nesta nova andaina. “Queremos constituir un grupo de Novas Xeracións para asegurar a continuidade do partido e para incluir as inquedanzas deste sector poboacional no noso ideario político”, explicou.
Segundo adiantou na primeira reunión da xunta directiva tamén sopesarán a conveniencia de crear algunha secretaría e algunha comisión de seguemento sobre asuntos que se consideren de especial transcendencia para o municipio.
SECTARISMO DO BIPARTITO.- O Presidente local do PP de Trabada tamén anunciou unha total colaboración co equipo de goberno municipal. “Non podería ser doutro xeito dado que eu son o alcalde”, indicou, “e imos traballar en retomar os temas que durante o goberno bipartito da Xunta quedaron totalmente paralizados polo sectarismo que o caracterizou”.
Neste contexto calificou coma “prioritario” a segunda fase das vivendas sociais; a dotación de banda ancha en todo o municipio; a posta en marcha dun centro de día; a concentración parcelaria na parroquia de Monte de Vilapena; aproveitar os potencias do municipio no eido das enerxías renovables; aprobar este ano o PXOM e dotar ás parroquias dunha rede de augas residuais.
A construcción de vivendas socias é, ó entender de Yanes Ginzo, transcendental para fixar poboación. “Xa tiñanos un proxecto e incluso lle venderamos ó promotor o chan necesario pero o anterior goberno da Xunta paralizou a iniciativa polo que o Concello tivo que readquirir os terreos que agora cedémoslle ó Instituto de Vivenda e Solo para que acometa a súa construcción”, explicou.
O Presidente do PP de Trabada tamén se laia de que o municipio neste intre non teña acceso á banda ancha. “En catro anos non se investiu nada neste asunto pero agardamos que nos vindeiros meses esta reinvindicación sexa realidade”. De feito, agarda que no núcleo urbano se principio en breve a colocar o cableado da fibra óptica e que despois, pouco a pouco, este servizo se amplíe a zona rural. Para elo está en conversas coa Xunta e Telefónica e agarda que tamén a través da asociación de municipios da Reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón poidan avanzar neste eido, dado que contan este ano coa aportación por parte do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño de dous millóns de euros e parte deses cartos adicaranse a este fin.
Yanes Ginzo tamén se referiu ó gran potencial eólico co que conta o municipio e aboga por facer compatible o desenvolvemento deste potencial coa prevista ampliación da Rede Natura. Lembra neste eido que o anterior goberno da Xunta adxudicara a construcción de tres parques cunha pontecia conxunta de 98 megawatios, que agora están paralizados.
A aprobación este ano do PXOM, “que temos xa moi avanzado pero que teremos que adaptar ó Plan do Litoral”, permitirá recuperar tamén outros proxectos como a construcción dunha residencia para a terceira idade ou un albergue de peregrinos.
José Manuel Yanes criticou que durante a etapa de socialistas e nacionalistas na Xunta “non se investira nin un euro, pese a que estaban comprometidos, en dotar de alcantarillado ás parroquias”. Unha circunstancia que, segundo salientou, trocou coa chegada de Feijoo á Xunta e, de feito, están adxudicadas xa dúas das actuacións que estaba previsto acometer, concretamente en Vilarbetote e Vilafernando, por importe de 235.000 euros.
ABANDONO DA DEPUTACIÓN.- Yanes Ginzo tamén se queixou da lentitude coa que a Deputación está a tramitar a construcción do polígono industrial, para o que se está redactar o plan especial, pese a que hai consignación orzamentaria pendente para elo dende o anterior goberno provincial.
Critica asimesmo que se paralizara o remate da estrada Trabada-Sante-La Ría. “Son pouco máis de cinco quilómetros, cuxo proxecto estaba en fase de licitación e que contaba con 1,2 millóns de euros de presuposto, e que é fundamental para vertebrar a vía de comunicación dende a estrada N-640 á LU-132”, dixo.
Igual “desidía” detecta na conservación e mantemento dos 40 quilómetros de rede viaria provincial que hai no municipio e nas que, segundo salienta, “non se acomenteu nin a máis mínima laboura de mantemento polo que as estradas estanse a converter en corredoiras”.
OUTROS PROXECTOS.- O Presidente do PP de Trabada tamén ten a vista posta noutras actuacións. Entre elas, continuar o arranxo das marxes do río Eo, iniciada o pasado ano pola Confederación Hidrográfica, e ampliar a área recreativa alí existente.
Fai referencia asimesmo ó proxecto que se está a redactar para converter en corredor verde o vello itinerario do tren mineiro e no que están implicados varios concellos e á “urxente” construcción da ponte de Abres sobre o río Eo, “fundamental para comunicar Galicia con Asturias sobre a que xa lle trasladei a miña inquedanza ó conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras e o propio Presidente do Principado de Asturias”.