Monforte, a 3 de febreiro de 2010.- O Hospital comarcal de Monforte manterá a súa autonomía, non desaparecerá, polo tanto, a área sanitaria de Monforte e, a maiores, potenciarase a actividade e os servizos deste centro hospitalario.
Así de contundente respondeu o deputado autonómico Dámaso López á demagoxia que, ó seu enteder, están a practicar os representantes de algunhas formacións políticas, “principiando polo alcalde de Monforte, que non fixo nunca nada pola defensa da sanidade e agora adícase a fomentar a confusión e a alarmar á poboación da Zona Sur de Lugo cun tema tan sensible coma este”.
O deputado popular, “para deixar patente a hipocresía e o cinismo político que practican socialistas e nacionalistas”, bota man da pretensión do anterior Goberno da Xunta de centralizar en Ferrol a xestión hospitalaria da Mariña e en Lugo a da Zona Sur.
“O dobre discurso do PSOE e do BNG neste asunto, coma en outros moitos, é manifesto e notorio. A súa argucia non deu resultado na Mariña e agora pretenden trasladala á área de influenza do hospital monfortino. O alcalde de Monforte sabe perfectamente que foi o seu partido, xunto co PSOE, os que pretendían introducir, aínda que ás agachadas, unha reforma das áreas sanitarias”.
Así, segundo explica, na proposta de ordenación sanitaria de Galicia redactada pola anterior Xunta bipartita en outubro de 2008 prevían a reordenación das áreas sanitarias de tal xeito que a comarca da Mariña incluíase na de Ferrol e a da Zona Sur en Lugo. “Eles eran os que pretendía facer a desfeita e agora queren achacarlla á actual Xunta de Galicia”, asegura o Dámaso López, razón polo que insta ó rexidor monfortino a “actuar con responsabilidade e deixarse de demagoxias inútiles”.
Dámaso López negou “unha vez máis e de xeito categórico” que a Xunta de Galicia vaia a reducir prestacións ou servizos no hospital monfortino. “Todo o contrario. A Consellería de Sanidade mellorará a asistencia que reciben os veciños desta comarca e ampliará de feito a carteira de servizos existentes”, asegurou.