Partido Popular de Lugo

O PP DENUNCIA QUE 18.700 PENSIONISTAS DA MARIÑA VÉN REDUCIDA A SÚA PENSIÓN COMO CONSECUENCIA DA SUBIDA DE IMPOSTOS DE ZAPATERO

A Mariña, 29 de xaneiro de 2010.-  O Partido Popular da Mariña vén de denunciar, a través do seu secretario xeral, Jose Manuel Balseiro Orol que máis de 18.700 pensionistas da nosa comarca vén reducida a súa pensión como consecuencia da subida de impostos auspiciada polo  Goberno de Jose Luis Rodríguez Zapatero. Os populares queren facerse eco do crecente malestar entre os xubilados da Mariña despois de que estes puidesen comprobar con estupefacción que a final de mes cobran menos que en decembro do ano pasado, a pesares de que se lles anunciou por carta que as súas pensións se revalorizaron nun un por cento.

A explicación á perda do poder adquisitivo dos pensionistas está na decisión do Goberno socialista central de suprimir a dedución dos 400 euros, promesa estrela do PSOE nas pasadas eleccións xerais. A eliminación desta dedución trae consigo un  aumento da retención fiscal do imposto sobre a renda (IRPF), que implica un recorte do salario que reciben miles de traballadores e pensionistas cada mes.

O Partido Popular cuestiona que o PSOE, tal e como presume, estea especialmente comprometido polas políticas sociais xa que, como todos poderán comprobar no extractos bancarios, o Executivo socialista fai que os pensionistas sexan os que máis sofren os erros na xestión da economía e da crise que protagoniza Zapatero. A demais de ver reducidas as súas percepcións, mes a mes, e con elo a capacidade adquisitiva, o dano pode ser maior se a isto lle engadimos os prexuízos que provocará a proxectada suba doutros impostos como é o caso do IVE, que se paga en calquera compra.

PENSIONISTAS E TRABALLADORES OS MÁIS PREXUDICADOS.- Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, son 18.716 os homes e mulleres residentes nalgún dos concellos das bisbarras mariñáns con máis de 65 anos e, polo tanto,  potencias beneficiarios de pensión. A estes hai que engadir as prexubilacións así como tamén aqueles pensionistas que, pese a residir na Mariña non forman parte do padrón municipal.

Pero non só os xubilados son os prexudicados pola máis importante subida de impostos da historia de España que proxectou o  Goberno socialista, senón que tamén moitos traballadores que comprobarán como se incrementa o porcentaxe de retención na súa nómina por IRPF e, polo tanto, que tamén perderán poder adquisitivo, ao ver reducido os seus salarios mensuais na mesma proporción.

AS PENSIÓNS MÁIS BAIXAS DE ESPAÑA.- A Mariña lucense e, de xeito especial, a nosa provincia sufre con especial intensidade este recorte nas pensións. Isto é así porque segundo os datos do Instituto Nacional da Seguridade Social Lugo segue a ser a segunda provincia – só superada por Ourense- coa pensión media máis baixa de España.

A estatística tamén revela que a segunda pensión que ten máis beneficiarios en Lugo é a de viuvez. Páganse 29.826 prestacións deste tipo, cunha contía media de 392,88 euros, a máis baixa do conxunto do territorio nacional.