A Mariña, 28 de xaneiro de 2010.- O secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro Orol, reclamou no día de hoxe a rectificación do Goberno socialista ante o pretendido recorte nas transferencias coas que o Estado colabora co financiamento municipal. Os distintos grupos do Partido Popular na Mariña están a rexistrar unha moción para o seu debate nos plenos municipais instando á adopción dun acordo da Corporación dirixido a que o Executivo que preside Jose Luis Rodríguez Zapatero depoña esta neglixente actitude.
Os populares temen que o tixeretazo pretendido polos socialistas -próximo ao 10% do total das transferencias- prexudique a economía municipal e repercuta na calidade dos servizos que a administración local presta aos veciños, así como na capacidade para asumir novas obras ou acometer novos investimentos.
A pesares da propaganda e de medidas chamados a caducar no tempo, como o publicitario Plan E, o certo é que o Executivo socialista central está a restar recursos aos concellos. As entidades locais vén como día a día mingua a súa capacidade orzamentaria. Unha asfixia económica pola que o Goberno socialista pretende facer pagar ás outras administracións a súa incapacidade na xestión da crise, os seus erros en materia económica.
“Debemos reclamar que como mínimo o Goberno socialista manteña o mesmo nivel de achega de recursos que existía no pasado, aínda que o lóxico sería incrementalo”- explican os populares.