Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR MANTERÁ MAÑÁ EN SARRIA UNHA XUNTANZA DE TRABALLO CON REPRESENTANTES DO TECIDO ECONÓMICO E SOCIAL DA COMARCA

Santiago, 26 de xaneiro de 2010.- Continuando coas súas actividades portas fóra da Cámara galega, o Grupo Parlamentario Popular manterá mañá en Sarria unha xuntanza de traballo con representantes do tecido económico e social da comarca. A visita dos deputados do PPdeG a Sarria enmárcase no obxectivo do Grupo Popular de coñecer de xeito directo os problemas que afectan e preocupan á cidadanía, así como a situación de concellos e comarcas no que respecta a distintos ámbitos.

A xornada de mañá iniciarase ás 11,00, en que os parlamentarios do PPdeG, encabezados polo seu portavoz, Manuel Ruiz Rivas, e polo deputado representante da zona, José Antonio García, visitarán o Mosteiro de Samos, dentro dos seus actos de apoio ao Xacobeo 2010. Posteriormente, e despois de ofrecer unha rolda de prensa ás 12,30, os membros do Grupo Popular celebrarán, ás 13 horas, o encontro cos representantes sociais e económicos da comarca de Sarria, cos que abordarán distintos asuntos relacionados coas infraestruturas de comunicación, construción, vivenda ou o Xacobeo, entre outros. O obxectivo principal da xuntanza é escoitar as preocupacións e suxestións dos asistentes, co fin de acadar un coñecemento máis profundo da situación da comarca en todos os ámbitos e estudiar posibles iniciativas a plantexar no Parlamento galego.

No encontro participarán representantes do sector do Turismo (Asociación Serra do Édramo e titulares de albergues do Camiño Francés); do sector gandeiro (COGASAL, Xóvenes Agricultores e Mulleres Rurais); empresarios e comercio (Asociación de Promotores e Empresarios da Construción de Sarria; asociacións de empresarios dos polígonos industriais de Morelle, Balmao, A Valiña e San Julián; e Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria); do sector da madeira e anticuarios (Asociación Ruta do Moble e Anticuarios de Sarria); do ocio nocturno (Asocicación Sarria de Noche); colectivos sociais (Bordon Sarria oe Cáritas Sarria); culturais (Sociedade Recreativa e Cultural La Unión, Centro de Interpretación Turística Meigas e Trasnos e Asociación Cultural Peleriños); deportivas (Sociedade Deportiva Sarria, Sociedade Deportiva Oural, Club Ciclista Sarriano, Fútbol Sala Veteranos, Club Xiradela de Ximnasia Artística e Club Sarria de Ximnasia Artística); e do sector do Transporte (TRADISCOOP). Así mesmo, asistirán representantes de asociacións de veciños e da Agrupación de Protección Civil.