Monforte, a 26 de xaneiro de 2010.- “O Hospital de Monforte non só vai a seguir funcionando senón que verá reforzados os servizos que presta”. Así respondeu o deputado popular Dámaso López ás declaracións realizadas polo rexidor de Monforte Severino Rodríguez nas que poñía en dúbida o futuro deste centro hospitalario comarcal.
López considera que as manifestacións de Severino Rodríguez só buscan crear confusión e desconfianza entre os usuarios do hospital comarcal monfortino nun intento por tapar a súa nula capacidade para reivindicar ante a anterior Xunta bipartita a mellora no funcionamento e nos servizos do hospital.
“O Sr Alcalde sabe moi ben que é totalmente falso que se vaia a suprimir a área sanitaria de Monforte e deberá responder ante os monfortinos das mentiras que está a contar e da inquedanza que está a fomentar. O tempo poñerá a cada quen no seu sitio”, explicou Dámaso López.
O deputado popular considera que o alcalde de Monforte, “dado que non pode, por méritos propios, presumir da súa xestión nin da consecución de ningunha obra ou servizo importante para o municipio, aférrase ó primeiro cravo ardendo que se lle presenta para desviar a atención sobre a súa propia incapacidade para liderar e acadar proxectos que teñan certa relevancia e supoñan una mellora para a calidade de vida dos veciños de Monforte”.
“Pode que pretenda usar o hospital como reclamo, como no seu día fixo co asunto d auga, pero hoxe as súas artimañas xa non enganan a ninguén”, apuntillou Dámaso López.