Lugo, a 23 de xaneiro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno da Deputación do vindeiro martes dúas mocións encamiñadas a acadar maior liquidez para os concellos da provincia.
Unha delas fai referencia ó Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) 2009 xa que, segundo salientan os populares, está a ocasionar problemas de liquidez nos concellos, ó estar estes obrigados a adiantar a totalidade do importe das obras realizadas mentres que, pola contra, o Goberno Central está a retrasar o abono do 30 por cento que normativamente tén que aportar.
Para soluciar este problema, os populares propoñen que a Deputación inste ó Goberno do Estado a que realice as xestións pertinentes para que proceda a pagar antes do vindeiro 28 de febreiro ese 30 por cento que lle corresponde asumir do custo das obras incluidas no FEIL-2009.
Os populares piden ademais que a administración provincial inste ó Goberno de Zapatero a que abone o segundo 30 por cento das obras e servicios incluidos no FEIL nun prazo máximo de trinta días logo de que os concellos teñan enviada a xustificación correspondente.
A outra proposta do GPPP fai referencia á subida do tipo de IVE, que está previsto que entre en vigor o vindeiro 1 de xullo. Na opinión dos populares esto vai representar unha nova carga para os concellos no que se refire ó Fondo Estatal de Investimentos Locais (FEIL) 2010, dado que todas as facturas derivadas de gastos sociais ou obras, así como as certificacións das actuacións que se acollan ó FEIL e que se emitan con posterioridade ó 30 de xuño verán incrementado o IVE en dous puntos .
Polo indicado, o GPPP quere que a Deputación solicite ó executivo nacional que asuma a diferencia de IVE provocada polo incremento previsto no que atinxe a facturas e certificacións de obra acollidas ó FEIL-2010.