Santiago, 17 de xaneiro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, contrastou o traballo de supervisión constante e a pronta reacción da conselleira do Mar, Rosa Quintana, con ocasión do episodio de temporal acontecido nos pasados días na nosa comunidade, coa falta de interese da anterior conselleira, a socialista Carmen Gallego, que tardou semanas en reaccionar e en visitar as localidades afectadas polas riadas que asolagaron moitas localidades mariñeiras, instalacións portuarias e bancos produtivos de marisco en 2006.
Balseiro Orol subliñou que mentres que co bipartito na responsabilidade de Goberno da Xunta, e a pesar de producirse danos infinitamente maiores nos intereses pesqueiros e marisqueiros da nosa comunidade, a entonces conselleira de Pesca estivo “desaparecida” agora, a titular da Consellería do Mar, xa mantivo contactos a primeira hora do pasado xoves con representantes do sector, como é o caso do Patrón Maior da Illa de Arousa, unha das zonas máis afectadas polos efectos perversos do temporal de vento e choiva, e cos Presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e da Federación Provincial de Pontevedra, que ademais son á vez Patróns Maiores de Cambados e Portonovo, preocupándose así pola situación.
“A diferenza é moi evidente: daquela Carmen Gallego estivo ausente. Mentres que agora Rosa Quintana estivo en permanente contacto co sector”-explicou o voceiro popular. De feito –continúa Balseiro- recoñecendo a gran preocupación do novo equipo de Consellería do Mar ante este tipo de feitos, no sector saben que non van a quedar solos”.
O voceiro popular tamén explicou que a Consellería do Mar “reaccionou con urxencia e dispuxo e mobilizou todo un operativo” integrado por persoal do Gardacostas e de Portos de Galicia que se desprazaron ata as instalacións portuarias e localidades afectadas polo temporal para avaliar a situación e tomar as medidas paliativas que foran necesarias.