Partido Popular de Lugo

Deputados do PP explicarán en Monforte as actuacións medioambientais que levará a cabo a Xunta neste municipio

Lugo, a 14 de xaneiro de 2010.- Senadores, deputados nacionais e autonómicos do Partido Popular manterán reunións por toda a provincia para dar a coñecer o traballo que desenvolven nas respectivas cámaras e para ofrecer información de primeira man sobre asuntos que, pola súa relevancia ou repercusión social, revistan interese para a cidadanía.

O calendario de reunións principiará a derradeira semana deste mes de xaneiro, e Monforte e A Fonsagrada serán as primeiras localidades elexidas para elo. As actuacións que está ou vai a desenvolver a Xunta de Galicia en materia medioambiental será o asunto a tratar no caso de Monforte; mentres que en A Fonsagrada, os deputados populares referiranse ós proxectos dinamizadores que está a poñer en marcha a Consellería de Medio Rural.

A decisión pretende achegar as institucións e a actividade que se desenvolve nelas ó electoral, posto que os representantes populares detectan certo distanciamento, descoñecemento e incluso desinterese por parte dos lucenses e da cidadanía en xeral sobre as cuestións que se tratan nas respectivas cámaras de representantes. Unha actitude que, ó entender dos populares, é perxudicial tanto á hora de que valoren o traballo que eles mesmos realizan, como as propias institucións no seu conxunto.

Fomentar este achegamento dos cargos electos populares á sociedade á que representan tamén se enmarca dentro da política de proximidade ou a pé de rúa que se está a promover dende a dirección provincial do partido en todos os ámbitos de actuación. Unha filosofía cuxo fin último é manter o maior grado de dinamismo dentro do propio partido ó interactuar o máis directamente posible con persoas individuais, sectores ou colectivos sociais que, coas súas aportacións, tamén contribúen a enriquecer o programa de actuación do PP de Lugo.

A decisión adoptouse hoxe en Lugo no transcurso dunha das xuntanzas periódicas de traballo que celebran os cargos electos populares encamiñadas a coordinar a actividade que cada un deles vai a desenvolver próximamente nas respectivas cámaras parlamentarias.

Así, ademais de analizar polo miudo e entre outros asuntos de actualidade os orzamentos recentemente aprobados pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, con especial énfase na súa repercusión na provincia de Lugo, coincidiron na necesidade de achegar á cidadanía as decisións que se adoptan no Congreso, o Senado ou o propio Parlamento galego.

A Política Agraria Común (PAC), as cuestións relacionadas coa vivenda, a sanidade, a economía, o emprego, a educación, o urbanismo, a propia repercusión que as decisións adoptadas no seo da Unión Europea teñen para os lucenses, sobre todo no que atinxe ós sectores productivos básicos da provincia como son a gandeiría, na súa dobre faceta de producción de leite ou carne, ou a pesca son outros dos temas que os representantes populares coincidiron en que era convinte dar explicacións ós lucenses.