Santiago, 12 de xaneiro de 2010.- As tres forzas políticas maioritarias –o Partido Popular, o PSOE e o BNG- promoveron no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) un acordo coa Xunta de Galicia polo que se garante a continuidade dos Grupos Municipais de Intervención Rápida -coñecidos como GRUMIR- e polo tanto a plena operatividade destes servizos ao longo do ano que comeza.
Así o explicou o deputado autonómico e secretario xeral dos populares lucenses Jose Manuel Balseiro Orol tras manter unha entrevista co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen tamén lle ratificou a plena operatividade dos GRUMIR a finais do mes de marzo. “En iguais condicións, nos mesmos concellos e cos mesmos efectivos que os habilitados polo bipartito durante o 2009”.
SEMENTAR INCERTEZA.- Os populares lamentan, en consecuencia, a actitude alarmista dos alcaldes de Ribadeo A Pontenova, Monterroso e Sarria que nos últimos días pretenderon sementar incerteza respecto da continuidade dos GRUMIR nos seus respectivos concellos. O Goberno Feijoo aposta polo mantemento destes grupos de emerxencia e, tal e como se fixo ata o de agora, financiará a través de varias consellerías a contratación do persoal necesario para cubrir este servizo: tanto do denominado GRUMIR estable –capataces- como do resto do persoal (cuadrillas).
O BIPARTITO PRETENDEU SUPRIMILOS.- A postura do novo Executivo galego contrasta coa mantida polo anterior Goberno bipartito que, como recordarán, pretendeu sen éxito suprimir este servizo e reducir o número de efectivos dispostos en moitos concellos da Mariña e do resto de Galicia. Por fortuna no seu día a acción política do Partido Popular -oposto á supresión deste servizo- e a constatación de que este persoal contratado estaba a desenvolver unha labor indispensable na xestión das emerxencias nos nosos concellos obrigou a rectificar ao Executivo de PSOE e BNG, que desbotou os seus plans iniciais.
CENSURA Á ACTITUDE DOS ALCALDES.- En todo caso desde o Grupo Popular se preguntan cal pode ser a intención oculta dos rexedores de Ribadeo, A Pontenova, Monterroso e Sarria. Porque de descoñecer a existencia e contido deste acordo acadado no seo da FEGAMP polas tres forzas políticas están a evidenciar un grave descoñecemento e falta de dilixencia no exercicio do súa función pública, algo impropio dun alcalde. E se pola contra o coñecían e malia iso o ocultaron, e preferiron sementar alarma e incerteza entre o persoal que pode participar nos procesos de selección do GRUMIR e entre os veciños, pois estarían a actuar irresponsablemente e con ánimo de enganar.
Os populares sospeitan que o que de verdade acontece é que tanto o alcalde de Ribadeo como o de A Pontenova, Monterroso e Sarria non consultaron cos seus representantes na FEGAMP como consecuencia das liortas internas que afectan ao BNG e ao PSOE en Galicia, e que leva a moitos dos seus responsables a non manter contacto cos seus compañeiros de partido. “Uns non se falan cos outros, e parece ser que estes dous alcaldes non se enteran da nada”.
Finalmente Balseiro Orol subliña que a continuidade do GRUMIR aparece avalada non xa polo acordo da FEGAMP senón pola propia Dirección Xeral de Emerxencias e polos compromisos adquiridos para financiar a contratación do persoal polas Consellerías de Traballo, Presidencia e Medio Rural.