Partido Popular de Lugo

LARA MÉNDEZ EN EVIDENCIA DESPOIS DE VERSE OBRIGADA A RECOÑECER QUE O PRÓXIMO LUNS TERÁ LUGAR UNHA REUNIÓN ENTRE BESTEIRO E RUEDA, APRAZADA ATA DESPOIS DO NADAL A INICIATIVA DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN

A Mariña, 8 de xaneiro de 2010.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de afirmar que a socialista Lara Méndez quedou en evidencia tras verse obrigada a recoñecer que o próximo luns terá lugar unha reunión entre o Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o Presidente provincial, Gómez Besteiro, para abordar cuestións relativas á posta en servizo dos parques de bombeiros. Balseiro explica que esta cita quedou pechada antes do inicio do Nadal, dato que parecía descoñecer a socialista Lara Méndez cando efectuou as súas declaracións e  feito que demostra non só a falta de dilixencia da socialista senón tamén o descoñecemento que ten respecto deste asunto.

O secretario xeral dos populares lembra que a iniciativa de convocatoria do consorcio provincial de bombeiros corresponde a Gómez Besteiro e que foi el quen decidiu posponer esta reunión ata despois das vacacións de Nadal, antepoñendo polo tanto o seu descanso persoal á urxente necesidade de abordar as cuestións pendentes para a dotación na nosa comarca deste servizo de emerxencias.

Balseiro Orol insiste en que  Lara Méndez ou ben non se entera ou ben non fala co seu superior pois tan só deste xeito poden explicarse as contínuas contradicións da vicepresidente provincial, que se ve obrigada a saír á palestra para non quedar desautorizada polos feitos, e pola moi cuestionable actitude do propio Gómez Besteiro.

RECLAMA UN COMPROMISO SIMILAR.- O dirixente popular insiste que os novos responsables da Xunta de Galicia teñen situado a dotación e posta en servizo dos parques comarcais de bombeiros na Mariña lucense dentro dos obxectivos prioritarios da súa acción de Goberno e lamenta que polo momento non exista un compromiso similar por parte da Deputación provincial. No PP sospeitan que o que Lara Méndez e os seus compañeiros no Executivo provincial non queren é poñer de relevo que nos pasados catro anos e pese a ter un Goberno da súa mesma cor política na Xunta non avanzaron nada as xestións conxuntas para facer realidade este servizo, e polo tanto que será un Goberno do PP quen poña en servizo de xeito definitivo estes parques.