Partido Popular de Lugo

O comité local de Lugo abre ano político cun compromiso de traballo duro na rúa

Lugo, 4 de xaneiro de 2010.-  Esta tarde quedou constituído o comité local do PP de Lugo que preside dende o pasado 12 de decembro Jaime Castiñeira. Entre outros cargos do partido asistiu ao encontro o Presidente Provincial do PP de Lugo, José Manuel  Barreiro.

Na reunión, que se celebrou ás oito da tarde no Gran Hotel, quedaron ratificados os acordos tomados no Congreso Local. Trátase do punto de partida da “forma de facer política de rúa” que anunciou no Congreso local Jaime Castiñeira.

O comité Executivo local, cunha media de idade de 41 anos, está composto por “un equipo de xente optimista, emprendedora e con ilusión, capaz de deseñar un futuro mellor para a nosa cidade”, salientou o presidente local.

Traballo na rúa.- O novo presidente da Xunta Local de Lugo expresou o seu desexo de traballar “a pé de rúa” nos diferentes barrios. Jaime Castiñeira comprometeuse a celebrar reunións cunha periodicidade fixada de acordo ás demandas dos cidadáns. A intención do Comité Local é chegar “ata o último cidadán”, polo que incluso se dividirán os barrios en diferentes sectores de traballo para poder contactar con todos os lucenses. Estes grupos de traballo veranse respaldados polos equipos de estudo específicos cos que conta o partido.

Novas Comisións.- O Comité Local aprobou a posta en marcha de dúas novas comisións de estudo, as de Comercio e de Tráfico. Jaime Castiñeira entende que ámbalas dúas son “algunhas das principais preocupacións que teñen os lucenses”. Estes organismos súmanse ás outras comisións xa anunciadas, as de Novas Tecnoloxías, Senior e Turismo asi como na de sanidade e educación que xa funcionan a nivel provincial.

O voceiro local aproveitou o Comité para denunciar o “abandono ao que condena o alcalde a certos sectores” da cidade. Jaime Castiñeira apuntou tamén que “é unha proba máis da falta de xestión de Orozco” e animou a “todos os populares” para “desenmascarar aos socialistas lucenses” e, deste xeito, levar ao Partido Popular á alcaldía da cidade.