Partido Popular de Lugo

O Partido Popular porá en marcha un foro dixital para darlle voz ó “movemento senior”

Lugo, a 28 de decembro de 2009.- O comité de dirección do Partido Popular de Lugo celebrou hoxe outra das súas reunións quincenais de traballo na que, entre outros asuntos, decidiu poñer en marcha unha páxina web adicada ó movemento senior.

Este novo foro dixital, segundo explicou a vicesecretaria do PP de Lugo Cristina Ares, estará dirixido a todos os cidadáns da provincia, maiores de 60 anos, independentemente de cal sexa a súa ideoloxía política.

A páxina web, que está xa en construcción e cuxa dirección será www.movementosenior.wordpress.com, plantéxase coma un punto de encontro deste colectivo que, en opinión dos populares, vese dalgún xeito obrigado a non ter un papel activo nunha sociedade na que se prima en demasía a xuventude e, coma consecuencia, a propia sociedade estase a perder a súa experiencia cultural, social e vital.

Trátase, en definitiva, de favorecer a interrelación deste colectivo, así como facilitarlle información que resulte do seu interese. A iniciativa persegue ademais coñecer de primeira man a opinión que os senior teñen do PP, incorporar as súas suxerencias e propostas o propio proxecto político da formación e ter coñecemento directo dos problemas ou inquedanzas que lles afectan.

Segundo explicou Ares, os maiores de 60 anos poden aportar un concepto da vida máis analítico e reflexivo que, de entrada, pode ser complementario ó que teñen as novas xeracións; uns valores que non sempre son tan tradicionais como se pode presupoñer a priori; unha bagaxe cultural ampla, xeral e consolidada pola experiencia, ó igual que da propia historia; capacidade críticia; xenerosidade e altruismo e uns intereses e preocupacións similares ó resto da sociedade, que se complementarán con outros específicos.

Os usuarios deste blog disporán de información xeral, sobre saúde, cultura, ocio e incluso viaxes, ó que poderán sumarse outros contidos si así o demandan no futuro os usuarios. Todas as suxerencias que neste ámbito ou en calquer outro queiran facer os seniors poderán facelo a través do correo electrónico movementosenior@gmail.com ou mesmo por carta a sede do PP en San Marcos.