Partido Popular de Lugo

O PPdeG SOLICITA QUE O GOBERNO CENTRAL REALICE AS XESTIÓNS OPORTUNAS PARA QUE A UNIÓN EUROPEA MANTEÑA O ACTUAL MODELO DE CONTROL DE TOXICIDADE POR BIOTOXINAS NOS BIVALVOS

Santiago, 21 de decembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia, a través do seu Grupo Parlamentario, solicitou hoxe que a Xunta se dirixa ao Goberno central co obxecto de que este realice todas as xestións que estime oportunas para que a Unión Europea manteña o actual  modelo de control de toxicidade por biotoxinas nos moluscos bivalvos. O obxecto da proposta, defendida hoxe no Pleno da Cámara galega, é frear a proposta da Unión europea en relación coa modificación do sistema de control e dos parámetros para a detección de biotoxinas mariñas nos ditos mariscos.

A proposta presentouse mediante unha emenda a unha iniciativa do PSOE, que “está a pedirnos que asumamos o novo método de análise”, segundo salientou José Manuel Balseiro, voceiro de Mar do Grupo Popular e defensor da emenda. Balseiro chamou a atención sobre a “incoherencia” que supón que “mentres o Goberno de España tivo a postura que se lle pediu, que se esperaba, votando en contra do cambio de método”, aquí, en Galicia, o PSOE presenta unha proposición non de lei na que se pide á Xunta que faga as previsións orzamentarias necesarias para facer as análises, sen pedir que se manteña o método de análise actual e, polo tanto, asumindo o cambio pretendido pola UE.

O voceiro de Mar do  Grupo Popular advertiu de que a pretendida modificación á baixa dos “xa de por si restrictivos límites” de presenza de biotoxinas nos mariscos galegos provocaría “o peche de bateas nun 200 por cento”. Así mesmo, sinalou que, de prosperar o método analítico químico en substitución do biolóxico actual, quedarían “ao borde do precipicio máis de 12.000 empregos” e se tirarían por terra “entre 250.000 e 300.000 toneladas de produción mariña das nosas rías”, provocando “a perda de máis de 130 millóns de euros anuais”. A isto súmase, apuntou Balseiro, que o novo método de control “implicaría un agravio inaceptable en prexuízo dos nosos produtores” e “non ofrece maiores garantías sanitarias das actuais”. Ademais, o novo método analítico encarecería o custo das análises entre un 300% e un 500%, o que “impedirá que as empresas e asociacións do sector que hoxe desenvolven un sistema de autocontrol o poidan continuar” e, polo tanto, haberá “un menor control”.

INFORMACIÓN E TRANSPARENCIA.- “A nosa emenda quere insistir no que o PSOE esquece”, subliñou o deputado popular, quen remarcou que “rexeitar o troco no método analítico é, para nós e para Galicia, fundamental”. Así mesmo, a emenda dos populares emprazaba ao Goberno galego a proseguir en permanente contacto e coordinación co sector marisqueiro e bateeiro galego, dentro do “compromiso inequívoco de información e transparencia” e a continuar a permanente coordinación entre as consellerías afectadas, de Mar e de Sanidade.  

Por último, a emenda insta á Xunta a pedir ao Goberno central que dea traslado con carácter urxente ao resto dos estados membros do Comité Permanente da Cadea Alimentaria e de Sanidade Animal do informe científico elaborado polas consellerías de Mar e de Sanidade da Xunta, que avala a continuidade do modelo actual, que se ten demostrado altamente eficaz para a protección da saúde pública.