Lugo, a 17 de decembro de 2009.- O Grupo provincial Partido Popular tachou con “rotundidade” que a contía das axudas que a Deputación provincial destina a reparacións en instalacións deportivas polos danos causados polo temporal Klaus son “unha limosna, exactamente 9.317.000 das antigas pesetas, 56.000’00€, para toda a provincia”.
O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, afirmou que así queda en evidencia a demagoxia que no seu día fixeron Antón Bao e Antonio Veiga: “fartáronse de asegurar nos medios de comunicación que a Deputación colaboraría de forma inmediata no arranxo dos desperfectos, que aportaría fondos, e mesmo enviou unha carta ós concellos apremiando a que se enviase canto antes unha valoración dos danos”.
Dende o GPPP, asegurou Barcia, “xa adiantamos que non ía haber máis fondos para paliar os efectos do Klaus. O que había, estaba nos orzamentos, e así quedou demostrado nunha moción que o propio Grupo Provincial Popular presentou no seu día. Daquela, o voceiro do BNG dixo que se destinarían 300.000 euros pero mentiu porque a documentación que nós manexamos cifra as axudas en 56.000 euros. Os 300.000 é a suma total das aportacións das subvencións de Deportes ós concellos de toda a provincia”.
Por riba, segundo indicou o voceiro adxunto dos populares, estas axudas apróbanse con dez meses de retraso, cando moitos concellos xa teñen feitas e pagadas as obras, e “para colmo serán aboadas dentro de tres ou catro meses como moi rápido. En resumo, é uha tomadura de pelo”.
González Barcia asegurou que “a política de engano masivo, de usar o clientelismo e de manexar cartos de todos os lucenses con criterios partidistas é un escándalo” e augura que “esa actitude vaille pasar factura ó bigoberno provincial, especialmente ó BNG, que é o responsable de xestionar esta área”.