Lugo, a 16 de decembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular interesarase no vindeiro pleno polos criterios se están a seguir para asignar medios técnicos e persoais da Fundación TIC para a cobertura e seguemento da actividade que desenvolven os diferentes responsables políticos da Deputación.
Os populares consideran que se está a facer un uso “claramente partidista” dos medios dos que dispón esta Fundación, con “especial adicación ó máis mínimo movemento” que realiza o Presidente Gómez Besteiro no seu periplo polas distintas comarcas e concellos da provincia.
Dende o GPPP entenden que non se está a cumprir o obxectivo primordial para o que se creou a TIC, que non é outro que ofrecer formación de calidade ós futuros profesionais dos medios audiovisuais. Esta función, de feito, en opinión dos populares, está a ser a menos relevante, primando, por riba de todo, a promoción e proxección pública dos integrantes do equipo de goberno. Un contexto no que é especialmente significativo o seguemento do que é obxecto José Ramón Gómez Besteiro, quen non ten ningún pudor en utilizar a TIC coma unha televisión privada adicada en exclusiva a loar a súa figura.
Neste senso, o GPPP critica o feito de que un medio público, financiado con fondos de todos os lucenses, se esté a convertir nunha ferramenta de uso exclusivamente persoal.