Partido Popular de Lugo

AS CONTRADICIÓNS CONTIDAS NAS EMENDAS DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN AOS ORZAMENTOS RATIFICAN A SÚA FALTA DE CRITERIO E DE INTERESE REAL POR DEFENDER AOS GALEGOS

Santiago, 16 de decembro de 2009.- Como exemplo ilustrativo de tales contradicións e falta absoluta de criterio e de rigor, o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha emenda na que se preocupaba pola dotación orzamentaria aos concellos, mentres que nas súas emendas á Presidencia da Xunta e á Sección da Consellería de Presidencia pretendían minorar os fondos destinados precisamente ás corporacións locais.

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, que criticou os orzamentos da Xunta pola ausencia de políticas de reequilibrio territorial, cando presentou as súas emendas á Consellería de Educación esqueceu ese reequilibrio que di defender, xa que na territorialización que propuxo dos investimentos, destinaba o 90% ás provincias do litoral e só un 10% ao interior.

Outra mostra do rigor dos socialistas foi propoñer achegar 1 millón de euros para a constitución efectiva da Axencia de Desenvolvemento do Litoral, que foi expresamente derrogada na reforma da Lei de Pesca aprobada polo Parlamento o pasado.

Noutro dos exemplos, o BNG, que cando formaba parte do Bipartito tiña as competencias das relacións institucionais e a negociación das transferencias de competencias, pedía nas súas emendas consignar 450.000 euros á investigación oceanográfica e hidrográfica, competencia que está aínda en mans do Estado e que non foi quen de acadar para Galicia.

Doutra banda, os grupos da oposición presentaron emendas en relación a aspectos como a Sanidade e, en concreto, aos centros de saúde, idénticas ás que rexeitaron cando eles gobernaban e as presentaba o Grupo Popular desde a oposición tan só hai un ano. Así mesmo, mentres pretendían detraer crédito da Sociedade Pública de Investimentos para obras en materia de Xustiza, presentaron outras emendas nas que reclamaban obras e melloras en infraestruturas xudiciais.

VIOLENCIA DE XÉNERO.- Proba de que o único que pretendían os grupos da oposición coas súas emendas era facer propaganda ao igual que facían cando se encargaban de elaborar os orzamentos, é que mentres pedían fondos destinados, por exemplo, á loita contra a violencia de xénero, minoraban fondos de partidas orzamentarias que na práctica financian programas relativos a esa loita.

Un dos maiores exemplos da súa incoherencia, é a emenda 460 do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, na que solicitaban destinar 5 millóns de euros a plans de estabilidade laboral, cando o Grupo Popular tiña rexistrada unha emenda na mesma liña pero que dedicaba 7,5 millóns a eses mesmos plans, emenda que os socialistas non aceptaron no trámite da Comisión, mantendo para o debate en Pleno a súa, que xa fora superada cos 7,5 millóns que se incorporaron gracias á dita emenda dos populares.