Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO VOTA A FAVOR DUNHA PROPOSTA DO PPdeG PARA A DIVULGACIÓN E PROMOCIÓN DO CAMIÑO DE INVERNO

Santiago, 11 de decembro de 2009.- O Parlamento de Galicia votou hoxe, na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, a favor dunha proposta do PPdeG na que se solicita que a Xunta inicie os traballos para a divulgación e promoción do Camiño de Inverno, con motivo do vindeiro Ano Santo Xacobeo 2010.

A proposta, tramitada a través dunha emenda presentada polo Grupo Popular a unha iniciativa dos socialistas e apoiada por PSOE e BNG, inclúese dentro dos traballos que está a impulsar polo PPdeG para a promoción deste Camiño, despois do abandono e desatención ao que foi sometido durante os 4 anos do Goberno bipartito da Xunta. Así, no Concello de Monforte, votouse unha moción dos populares na que se pedía iniciar eses traballos, que non se levaron a cabo durante a etapa do Bipartito.

A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Natalia Barros, sinalou que esta iniciativa é unha proba do compromiso do PP, tanto a nivel municipal como a nivel parlamentario e agora tamén desde a Xunta de Galicia, co Camiño de Inverno. “Agora si existe compromiso co Camiño de Inverno”, salientou Natalia Barros, quen considera que é unha mágoa “o abandono do anterior Goberno da Xunta que, a pesar de coñecer que o 2010 era Ano Santo, nada fixo por este Camiño”.

A aprobación desta proposta do PPdeG supón “un enorme avance na divulgación deste Camiño”, apuntou a deputada popular. A emenda foi presentada polo Grupo Popular ao comprobar que o PSOE pretendía coa súa proposición non de lei “algo totalmente inviable por cuestión de tempo”, como é a declaración oficial do Camiño de Inverno de cara ao 2010, o que resulta materialmente imposible, dado que o Bipartito non continuou os traballos iniciados polo anterior Goberno do PP de deslinde, desbroce e outros trámites para a consecución de tal declaración.