Partido Popular de Lugo

EMMA ALVAREZ: “O GOBERNO BIPARTITO INCUMPRIU O DECRETO SOBRA AS UNIDADES DE XESTIÓN FORESTAL QUE EL MESMO REDACTOU”

Santiago, 10 de decembro de  2009 .- A deputada popular Emma Álvarez defendeu hoxe no pleno do Parlamento a postura do PPdeG con respecto as unidades de xestión forestal (UXFOR) indicando que o Goberno bipartito na Xunta de Galicia incumpriu o Decreto sobre estas unidades que el mesmo redactou. Así indicou que dos 48 expedientes iniciados ningún deles está constituído porque xa as solicitudes están incompletas e non cumpren os requisitos que están no Decreto constitutivo. 

A deputada popular quixo tranquilizar a Plataforma para a defensa das UXFOR, que asistían a sesión plenaria e cos que se reuniu unha vez finalizada a súa intervención, pedíndolles paciencia ata que rematen os informes e as concrecións que está a facer a actual Consellería de Medio Rural,  co fin de seguir traballando baixo a mesma filosofía que se esta a facer ca supresión do minifundismo forestal, apostando pola xestión conxunta dos montes. Nese sentido indicou que existe un compromiso da Dirección Xeral de Montes de que o estudio estará rematado no primeiro trimestre do próximo ano.  “Estas unidades deben ser viables dende o punto de vista xurídico e deben acreditarse con claridade e vontade dos propietarios” indicou Emma Álvarez. 

En canto a paralización de obras do bipartito a deputada popular indicou que “se lanzaron a realizar obras directas sobre o terreo basadas unicamente en solicitudes que en ningún caso poden considerarse como tales por non cumprir os requisitos de constitución que marca o Decreto 101/2008 de 30 de abril referido as regulacións destas unidades de xestión forestal de Galicia”. Así indicou que se puxeron en marcha obras sen un convenio que garanta os fins para os que se fan as actuacións e nin tan sequera a posta a disposición dos terreos, “esto dificilmente se pode xustificar ao tratarse de inversións públicas e terreos privados” indicou Emma Álvarez.

A deputada popular puxo de manifesto o caracter absolutamente intervencionista desta figura “inclusive coa participación dun funcionario nos órganos reitores e o sometemento a recurso do Conselleiro de Medio Rural dos actos da entidade”. 

Emma Álvarez finalizou a súa intervención indicando que estamos ante unha figura que podería ser válida a través de convenios de colaboración en zonas estratéxicas do territorio cara á prevención de incendios “pero que tal e como están constituídas teñen que ser obxecto de evidentes modificacións para non seguir a traballar de costas a legalidade”.