Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA AS PROPOSTAS DO GRUPO POPULAR DIRIXIDAS A QUE A UNIÓN EUROPEA REVISE AS SÚAS POLÍTICAS RESTRICTIVAS COS SECTORES PRODUCTIVOS BÁSICOS DE GALICIA

Santiago, 9 de decembro de 2009.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe as propostas do Grupo Popular dirixidas a que a Unión Europea revise as suas políticas restrictivas cos sectores productivos básicos de Galicia.  As ditas propostas foron incluídas nas emendas presentadas polos populares para mellorar e completar unha  moción do BNG sobre obxectivos da Xunta no período da presidencia española do Consello de Ministros da UE.

As emendas foron defendidas polo deputado Daniel Varela, quen salientou que con elas se melloraba a moción presentada polos nacionalistas, partindo de que o obxectivo fundamental para a nosa Comunidade da presidencia española da UE debe ser “crear e non destruír máis emprego en Galicia”, mediante “o apoio aos nosos sectores productivos”, como o lácteo, o pesqueiro e o naval.

En materia de Pesca, as emendas do Grupo Popular inclúen, entre outros obxectivos a substitución do actual sistema de tacs e cotas por outro de regulación do esforzo pesqueiro e cotas transferibles, o apoio decidido ao sector acuícola galego, o avance na loita contra a piratería no Índico e a culminación do desenvolvemento e a aplicación efectiva dos paquetes lexislativos ERIKA en materia de seguridade do transporte marítimo e de protección e loita contra a loita contra a contaminación mariña.  Daniel Varela fixo especial fincapé, así mesmo, na necesidade de que se incremente o control das importacións de terceiros países para loitar contra a competencia desleal polo incumprimento en orixe dos requisitos técnico-sanitarios, sociais e medioambientais esixidos aos produtores europeos e para loitar contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Igualmente, avogou porque se desbote a pretensión da UE de cambiar o modelo análise das biotoxinas nos moluscos bivalvos, por ser “nefasta para o noso sector”. En definitiva, Varela propuxo que se incluíra un conxunto de obxectivos para a presidencia española que poidan supór “un gran tirón no emprego a curto, medio e longo prazo” e que afectan á actual reforma da Política Pesqueira Común en curso.

SECTOR LÁCTEO.- En relación coas medidas de apoio ao sector lácteo, o PPdeG “apoia que o Goberno central revise os acordos da UE de incrementos de cota lineais para todos os estados membros, independentemente de se teñen superávit ou déficit de cota, como España”. Daniel Varela subliñou que Galicia “debe ser compensada polos investimentos que realizou para mercar máis cota, cando agora se atopa con que van desaparecer”.

En canto ao sector naval, Daniel Varela defendeu a necesidade de renegociar “o nefasto acordo acadado entre o Goberno socialista e a Unión Europea” que impide a construcción de buques civís en Navantia-Fene. “Hai que aproveitar a presidencia española e o nomeamento do español Joaquín Almunia como comisario da Competencia para plantexar de novo este asunto intelixentemente”, argumentou o deputado, quen cifrou en máis de 5.000 empregos directos, ademais dos indirectos na industria auxiliar, os que podería crear un novo acordo.

As emendas do Grupo Popular incluíron así mesmo un punto propoñendo a inclusión dos conselleiros da Xunta de Galicia competentes por razón da materia na delegación española dos consellos de ministros da UE que teñan lugar en Galicia e reiterar a petición aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia o 24 de xuño pasado de celebrar un consello de ministros, preferentemente de Cultura, en Santiago de Compostela o vindeiro ano con motivo do Ano Xacobeo e como recoñecemento político do protagonismo histórico de Santiago e o Camiño na construción europea.