Partido Popular de Lugo

A situación de Foz, a proxecto de lei de economía sostible, o paro e o modelo de financiación autonómico centraron a reunión do comité de dirección do PP de Lugo

Lugo, a 4 de novembro de 2009.- O comité de dirección do Partido Popular de Lugo celebrou hoxe outra das súas reunións quincenais na que analizaron temas de actualidade e estructuraron o plan de traballo a seguir. 

A crise de goberno que se está a vivir no concello de Foz tras a decisión do alcalde de cesar ó primeiro tenente de alcalde foi un dos asuntos abordados. Neste senso o comité de dirección dos populares lucenses considerou que, á marxe do problema interno que vive o Partido Socialista neste municipio e que por tanto lle compete á propia formación dirimir, hai un grave problema de gobernabilidade no municipio que afecta ós intereses do conxunto dos veciños. Neste contexto os populares amosaron a súa preocupación polo futuro do Concello e consideran prioritario que o alcalde aclare as razóns que o levaron a tomar a súas decisión e explique como se vai a organizar o seu goberno a partir de agora.

O novo incremento do desemprego no mes de novembro, cunha suba de 60.593 pesoas, un 1,6% máis con respecto ó mes anterior, que sitúa a cifra total de parados en preto de catro millóns foi outro dos temas analizados na xuntanza de hoxe. A situación, ó entender dos populares, é gravísima e insostible e o peor, segundo indicaron, é que as previsións non son nada favorables para os vindeiros meses. A este respecto suliñaron que a política de emprego, e por extensión, a económica que está a seguir o Goberno de Rodríguez Zapatero é un absoluto fiasco con consecuencias a moi longo prazo porque, segundo recalcaron, será moi difícil, se non se rectifica xa, poder reencauzar a coxuntura actual.

O proxecto de lei de economía sostible tamén ocupou a análise do comité de dirección dos populares, que entenden que no é máis que outra ocurrencia do Goberno Zapatero, froito da súa habitual improvisación en materia económica. É ademais, o seu entender, un proxecto inconcreto, no que se mete de todo pero que non ofrece resposta axeitada ós principais problemas nos que está inmersa a economía deste país e que, sobre todo, non atende ó principal problema que hai neste intre que non é outro que o desemprego.

Outro dos asuntos abordados foi a aprobación no Senado dunha enmenda ó Proxecto de Lei de financiación autonómica plantexada polo Partido Popular para que o Estado aporte un fondo de 250 millóns de euors ás Comunidades Autónomas, que como é o caso de Galicia, teñan unha densidade poboacional inferior á media e outro de outros 250 millóns para as que teñan unha dispersión de poboación superior á media, en lugar dos 50 millóns previstos inicialmente para cada variable. O comité de dirección do PP de Lugo foi moi crítico co feito de que o Partido Socialista, e máis concretamente os senadores galegos desta formación, votaran en contra da mesma pese a que a medida vai a beneficiar sustancialmente a Galicia.