Partido Popular de Lugo

BALSEIRO INSTA Á XUNTA A DOTAR CON CARACTER URXENTE E DE XEITO PERMANENTE AO CENTRO DE SAÚDE DE FOZ DUNHA AMBULANCIA

A Mariña, 1 de decembro de 2009.- O deputado do Partido Popular de Galicia (PPdeG) Jose Manuel Balseiro Orol rexistrou unha iniciativa na Cámara galega pola que reclama á Xunta a dotación con caracter urxente dunha ambulancia para que de xeito permanente estea a disposición do centro de saúde de Foz. O Grupo Parlamentario Popular facéndose eco das reivindicacións das veciñas e veciños deste concello lucense, así como das necesidades amosadas por expertos no ámbito da saúde, denunciou na pasada lexislatura a necesidade de artellar as medidas correspondentes para dotar a esta localidade deste novo servizo, despois de que se convertera nun novo incumprimento do anterior Goberno bipartito.

Entre as principais deficiencias detectadas e non asumidas nin solucionadas por parte do anterior Goberno bipartito, conformado polo PSOE e máis o BNG, está a carencia dun servizo de transporte sanitario urxente adscrito ao Centro de Saúde desta localidade. Por desgraza esta situación dificultou, en diversas ocasións, o traslado de persoas doentes ou en  situación de urxencia médica ata o centro  hospitalario de referencia, neste caso, o Hospital da Costa de Burela para recibir os coidados ou o tratamento médico preciso. Todo iso a pesar de que, para o tratamento de diversas patoloxías o traslado urxente do enfermo é unha cuestión prioritaria que pode  incluso evitar a súa mortaldade ou un deterioro grave no seu estado de saúde.

A falta de adscrición dunha ambulancia neste concello, así como a falta de operatividade deste transporte, no caso de que se precise un vehículo compartido con outras localidades, non ten ningún sentido –en opinión do deputado popular- se temos en conta non só a demanda existente nun concello das características de Foz que, pola súa poboación –que chega a multiplicarse na época estival-, e pola súa situación, precisa da dotación deste servizo con carácter permanente.