Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2009.- Segundo un estudo recente que valora a 78 alcaldes das grandes cidades de España, os alcaldes das cidades galegas están entre os peor valorados de España. Así, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, é o rexedor peor valorado dos galegos sometidos ao sondeo, ocupando o cuarto posto polo final do ránking dos 78 rexedores españois valorados.
Deste xeito, o alcalde de Lugo, López Orozco, é o único que se atopa na primeira metade do ránking mentres que os cinco restantes (Ferrol non entraba no estudo) están todos no último furgón.
Así mesmo, o estudo tamén reflicte que só as corporacións de Lugo e da Coruña se atopan na metade superior da tabla de gobernos mellor valorados, o que significa que os restantes gobernos municipais galegos sometidos ao estudo non lograron conseguir nada positivo para as cidades, poñendo en evidencia a urxente necesidade dun cambio político nos concellos.
Os populares consideran, polo tanto, que o rexeitamento dos cidadáns reflectido neste estudo dos alcaldes e gobernos municipais das grandes cidades españolas supón que a maioría dos alcaldes galegos perderon a oportunidade de implantar políticas útiles nos concellos e, pola contra, levaron a cabo políticas que só provocan rexeitamento entre a cidadanía.
Así mesmo, o PPdeG asegura que comezou a conta atrás para a debacle electoral nas cidades e invitan, polo tanto, aos cidadáns, a continuar o cambio político que comezou na Xunta o pasado 1-M nos concellos galegos o vindeiro 23 de maio de 2011.