Partido Popular de Lugo

AS DEPUTADAS DO PPdeG EMMA ÁLVAREZ E MARÍA SEOANE SALIENTAN A NECESIDADE DE MEDIDAS QUE FOMENTEN A IGUALDADE REAL DAS MULLERES E REXEITAN AS CUOTAS DE XÉNERO COMO SOLUCIÓN

Ribadeo, 28 de novembro de 2009.- As deputadas do PPdeG Emma Álvarez Chao e María Seoane salientaron hoxe en Ribadeo a necesidade de que se articulen medidas efectivas que fomenten a igualdade real das mulleres respecto aos homes e rexeitaron que os sistema de cuotas de xénero na vida pública e económica sexa unha solución. Ambas parlamentarias participaron esta mañá na Xornada “A Muller no Século XXI” organizada por Novas Xeracións de Ribadeo, con senllas conferencias sobre o papel como fundamento da familia e na sociedade. 

Emma Álvarez, que fixo un repaso ao papel da muller ao longo da Historia, cuestionou a efectividade de leis de Igualdade como as elaboradas polo Goberno de Zapatero e polo Bipartito en Galicia na anterior lexislatura, subliñando que “as persoas, homes ou mulleres, teñen que ocupar o sitio que lles corresponde na sociedade dacordo coa súa valía e formación”, polo que, apuntou, “as cuotas de xénero non son a solución a toda aproblemática que trae consigo a conciliación da vida familiar e laboral”. 

A deputada lembrou que o bipartito substituíu a conciliación pola corresponsabilidade, “que é un concepto moi diferente e que non inclúe a conciliación”, termo este último, “máis amplo” e que non se limita unicamente a “regular permisos aos que se acollen mulleres”, senón que é “unha tarefa e unha transformación moito máis ampla do equilibrio que necesariamente ten que existir entre o compromiso e o tempo dedicado ás nosas responsabilidades como profesionais e como persoas con familias, con amistades, con afeccións e con tempo libre”. Trátase, en definitiva, “de dar resposta a demandas tan básicas como atopar garderías, ludotecas ou centros de día ou adaptar os horarios de traballo aos horarios escolares”. 

MALTRATO DE XÉNERO.- Pola súa banda, María Seoane centrouse no papel da muller nos distintos ámbitos da sociedade e defendeu que acadar a igualdade no eido laboral “non como cuota, senón como consecuencia das capacidades e méritos acadados polas mulleres de hoxe”. 

A deputada fixo especial fincapé na problemática do maltrato de xénero, salientando que se está a dar un repunte da violencia de homes sobre mulleres nas idades máis temperás. “Numerosos estudios europeos e españois nos sinalan a triste realidade de que cada vez máis se constatan casos de violencia machista a rapazas de menos de vinte anos”, apuntou Seoane, quen avogou por seguir facendo esforzos “para que non se produza nin unha soa morte máis dunha muller a mans da súa parella”, para o que considerou imprescindible “implicar aos mozos na tolerancia e no respecto á muller”. 

Así mesmo, referiuse á recentemente aprobada Lei do Aborto, no que cualificou como “un debate que a sociedade non esixía, un debate artificial provocado pola maquinaria do PSOE”. En relación co aspecto máis polémico desta lei, a posibilidade de que as nenas de 16 anos poidan abortar sen consentimento paterno, lamentou que Zapatero “intente confundir ás mozas vendéndolles unha suposta capacidade de decisión nun tema como o aborto”, que considerou “un trauma polo que ningunha muller quixera pasar e o que menos necesitan as que teñen que facelo é sufrilo soas”. 

A deputada amosouse partidaria, igualmente, de que as administracións articulen os recursos de apoio económico e psicolóxico “para aquelas mulleres que queira ter o seu fillo e que por distintas circunstancias lles resulte difícil seguir adiante co seu embarazo”.