Partido Popular de Lugo

BALSEIRO OROL PREGUNTA NO PARLAMENTO POLAS PREVISIÓNS DA NOVA XUNTA PARA AXILIZAR OS TREITOS DE COMPETENCIA AUTONÓMICA DO CORREDOR

A Mariña, 25 de novembro de 2009.- Despois de que o anterior Goberno autonómico, apoiado por PSOE e BNG, non executara as partidas orzamentarias comprometidas para a construción da Vía de Altas Prestacións entre Ferrol e San Ciprián e o Goberno de Zapatero contribuíra tamén a este esquecemento ao non ter investido, durante todos estes anos, nin un so euro no treito estatal do corredor (San Ciprián-Barreiros) o deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na Cámara galega para coñecer as previsións do novo Goberno de Galicia, o liderado por Alberto Núñez Feijóo, en orde a axilizar a posta en servizo desta infraestrutura.
 

QUERE SABER SE A XUNTA ADXUDICARÁ MÁIS TRAMOS.- Balseiro rexistrou unha pregunta, que será obxecto de resposta oral na Comisión de Obras Públicas da Cámara galega, para a súa tramitación polo procedemento de urxencia. A través dela, o deputado popular interpela á Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio para coñecer se teñen previsto adxudicar algún novo treito desta vía, no espazo de competencia autonómica, cal será e con que características. Tamén pregunta pola situación administrativa de todos os tramos, para así coñecer con exactitude o punto de partida, para identificar con rigor, luz e taquígrafos, a situación de precariedade e marxinación na que o bipartito matiña a tramitación administrativa de cada un dos tramos deste ambicioso proxecto.

COMPROMISO.- “Despois de catro anos de total esquecemento da Mariña e de negar  o investimento preciso para iniciar a construción do corredor, será un Goberno do Partido Popular quen non só inicie as primeiras obras desta vía, de inmediato, senón tamén o primeiro que executará, que gastará o orzamento comprometido” que para o ano 2010 supera os 5,8 millóns de euros. “Tamén tivo que ser un Goberno do Partido Popular, o primeiro que levou ao Diario Oficial de Galicia a primeira adxudicación do inicio das obras desta vía na nosa provincia, máis en concreto entre as localidades de Celeiro e San Ciprián. A publicación da devandita adxudicación tivo lugar o 26 do xuño deste ano, achegando para elo 32,3 millóns de euros”.