Partido Popular de Lugo

Os pactos entre perdedores, como o de Porto do Son, arrebatáronlle ao PPdeG 53 alcaldías en concellos nos que os populares gañaron as eleccións

Santiago de Compostela 22 de novembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia indica que os pactos municipais entre forzas políticas perdedoras, como sucede en Porto do Son, arrebatáronlle un total de 53 alcaldías en concellos nos que os populares gañaron as eleccións municipais de 2007. Segundo afirma esta análise, o PPdeG foi a lista máis votada nas eleccións municipais do ano 2007 en 216 concellos, dos cales en 152 conseguiu a maioría absoluta. Sen embargo, os populares non gobernan en todos eses municipios, senón en só 163.

Con respecto a isto, os populares fan fincapé en que tanto a moción de Porto do Son, xunto con outras alianzas do PSOE, do BNG e doutros partidos –pero sobre todo dos dous primeiros-, privaron ao PPdeG de gobernar en máis de medio centenar das alcaldías que gañou.

Así mesmo, o PPdeG fai fincapé en que desas 53 alcaldías que lle corresponden aos populares e nas que non gobernan, un total de 39 teñen as siglas do PSOE ou do BNG, en alianza entre ambos ou en coalición con outras forzas políticas municipais. As 13 restantes, teñen como principales siglas a outras forzas políticas.

Para os populares, este tipo de alianzas que apartan do poder ás listas máis votadas nos comicios son un fraude para os cidadáns xa que rouban a vontade dos votantes ao non reflectir o sentir da maioría.

O PPdeG aboga, polo tanto, por que en cada concello goberne o partido político que máis votos recibiu nas eleccións, independentemente de que levara ou non a maioría absoluta e así evitar incómodas situacións para os cidadáns nas que os partidos políticos derrotados se alían para chegar ao poder, formando coalicións de perdedores con ideas que non comulgan entre si e con membros que non se entenden, algo que sucede sobre todo, coas coalicións entre o PSOE e o BNG. 

Con respecto a esto último, os populares matizan que este tipo de pactos poñen en evidencia que o PSOE segue en brazos do nacionalismo coa intención de apartar do poder á lista máis votada e lembran os casos de Noia, Vilariño de Conso, Santa Comba ou Láncara, concellos onde gañou o PP e que estaban gobernados por coalicións entre socialistas e nacionalistas que se acabaron rompendo ou censurando, no caso dos dous últimos, a causa do desgoberno ao que sometían aos cidadáns cos seus líos internos.  

Non ten sentido que o PPdeG non poida gobernar no 25% dos concellos nos que gañou as eleccións.