Santiago, 21 de novembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia solidarízase co sector agrario galego na súa reivindicación de medidas para a tallar a crise, que considera a máis grave que sufre o dito sector.
Así, a deputada mariñana do Grupo Parlamentario Popular de Galicia e presidenta da Comisión de Agricultura da Cámara galega, Emma Álvarez Chao, participa hoxe na manifestación que se celebra en Madrid convocada polas organizacións agrarias para demandar ao Goberno central un plan de choque que inclúa medidas de loita contra a situación actual, especialmente no que atinxe á negociación de prezos mínimos en función dos custos de produción, así como un plan de financiamento do sector con novas liñas de crédito ICO e a negociación dunha Política Agraria Común sólida máis aló do 2013.
Emma Álvarez salienta que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo “abordou a situación do sector agrario, e singularmente a crise do sector lácteo, desde o momento da súa chegada á Xunta”, adoptando medidas “a partir do diálogo e o consenso co propio sector” e demostrando que “Galicia conta agora dun Goberno serio que dedica todo o seu esforzo a buscar solucións aos problemas máis graves da nosa comunidade, como é esta crise”.
Nese sentido, salienta que en próximas datas os gandeiros galegos empezarán a recibir o 60 por cento das axudas directas directas ao sector lácteo comprometidas pola Consellería de Medio Rural, que supoñen ata 1 céntimo de euro por quilo de leite producido por un importe total de 20 millóns de euros e que está previsto ampliar en función das necesidades. Unha actitude que, apunta a deputada, “contrasta coa do Goberno de Zapatero que, como adoita facer, escapa dos problemas e non adoptou decisión contundente algunha”.
A deputada do PPdeG participa na manifestación, á que acudiu tamén a secretaria xeral do PP, Mª Dolores de Cospedal e o portavoz de Agricultura dos populares no Congreso, José Ignacio Llorens, xunto coa deputada nacional por Lugo Olga Iglesias Fontal e o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga.