Lugo, a 21 de novembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará o vindeiro pleno da Deputación unha moción na que propón instar ó Goberno Central a que abra ó tráfico comercial xeral o dique norte que a multinacional Alcoa xestiona no porto comercial de San Ciprián.
Os populares plantexan tamén pedir ó Ministerio de Fomento que dé conta do estado no que se atopan as negociacións coa empresa concesionaria, e no caso de que éstas non comenzaran, que se inicien de xeito inmediato, así como instar a este mesmo ministerio a que proceda á creación da Autoridade Portuaria de Lugo xa que a nosa é a única provincia marítima de España que non dispón dela.
A moción do GPPP inclúe outro punto no que se reclama ó Goberno Central que inclúa unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado de 2010 para financiar os estudos e os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes proxectos.
Os populares indican que dende hai bastantes anos téñense levado a cabo numerosas iniciativas encamiñadas a crear un novo porto comercial na comarca da Mariña e a habilitación dun ente xestor portuario autónomo. Consideran que a creación dun novo porto comercial aberto ó tráfico xeral na Mariña lucense, aproveitando o dique norte de Morás, que na actualidade está a ser infrautilizado pola multinacional concesionaria Alcoa, serviría para a creación e asentamento de novas empresas, e novas oportunidades de emprego.
A creación dunha autoridade portuaria propia e autónoma para Lugo debe ser tamén, ó entender dos populares, prioritaria xa que a nosa é a única provincia marítima de España sen autoridade portuaria propia. Lugo carece, polo tanto, deste organismo público responsable da xestión dos portos de interese xeral, é dicir, daqueles que son de titularidade estatal. Esta situación trae consigo un grave desequilibrio, en detrimento dos intereses da Mariña, que afecta tanto ós ingresos que se están a percibir, como ós gastos que se están a levar a cabo dende a Autoridade Portuaria.
Dende o GPPP cren tamén que hai que manter os esforzos que se están a levar adiante por parte da Xunta de Galicia para reequilibrar a representación da nosa provincia no seo do Consello de Administración da actual Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián. Suliñan nestes senso que despois de catro anos nos que non se adoptou ningunha decisión a este respecto, o Goberno do PPdeG nomeou como membros do Consello de Administración do ente xestor portuario a varios destacados lucenses, nun proceso que ten por obxecto corrixir a actual desigualdade na representación das dúas provincias nas que desenvolve a súa actividade a Autoridade Portuaria.