Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR CONTRASTA A LEALDADE MANTIDA POLO GOBERNO DE FEIJÓO DURANTE O SECUESTRO DO ALAKRANA COA DESINFORMACIÓN AO QUE O SOMETEU O EXECUTIVO DE ZAPATERO

Santiago, 20 de novembro de 2009.- O voceiro de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, salientou hoxe o “loable comportamento” do presidente da Xunta durante a crise do Alakrana e contrastou a lealdade mantida polo Goberno de Feijóo durante o secuestro coa desinformación ao que o someteu o Executivo de Zapatero. Na Comisión de Pesca do Parlamento, Balseiro afirmou que “non podemos estar dacordo coa xestión do Goberno de Zapatero”, que, dixo, “abandona á súa sorte aos buques que faenan nesas augas”.

O deputado dirixiu unha pregunta á Xunta en relación coas xestións realizadas en relación co secuestro do atuneiro e a información que recibiu ao respecto, así como sobre as medidas previstas nun futuro respecto da seguridade dos buques no Índico occidental. Na súa intervención, anunciou que o seu partido esixirá explicacións sobre a xestión da crise e as medidas a adoptar para garantir a seguridade dos mariñeiros en augas internacionais.

En canto á xestión da crise do Alakrana, o parlamentario do PPdeG resaltou que o Goberno de Zapatero “foi posto en evidencia por 60 terroristas da mar que derrotaron por completo ao Goberno español” e que “renuncia a asumir a defensa dos nosos buques pesqueiros en augas internacionais”, responsabilizándoos a eles “da protección que o Estado debera garantir”, obrigando aos buques a que contraten seguridade privada como única solución “que ata o momento foi capaz de ofrecer”. “O Goberno de Zapatero nin quere, nin sabe, nin ten intención de poñer sobre a mesa solucións homologables co resto de Europa”. 

O EXECUTIVO DE FEIJÓO TOMOU A INICIATIVA.- Balseiro, que iniciou a súa intervención amosando “un sentemento compartido por todas as deputadas e deputados do Grupo Popular de gran entusiasmo e satisfación ante a liberación dos mariñeiros secuestrados no Alakrana”, criticou que o Goberno central rexeitara a integración da Xunta na comisión de coordinación e tivera desinformado ao Goberno galego malia que o presidente Núñez Feijóo mantivo unha “lealdade incondicional ao Goberno central ata o final”. Igualmente, gabou que o Executivo de Feijóo tomara a iniciativa, habilitando “unha Comisión de Seguemento de todo este conflicto na que participaron, ademais da Administración da Xunta, concellos, armadores e familias”.

Así mesmo, subliñou que o secuestro puxo de relevo “a crecente inseguridade destas augas” nas que habitualmente “desenvolven a súa actividade pesqueira un bo número de embarcacións da nosa flota”.