Partido Popular de Lugo

Balseiro confirmou hoxe que o Congreso do Partido Popular de Viveiro celebrarase o vindeiro 13 de decembro

Viveiro, a 18 de novembro de 2009.- O Congreso local do Partido Popular de Viveiro celebrarase o vindeiro día 13 de decembro, no motel As Sirenas, a partir das doce do mediodía e será clausurado polo Presidente provincial José Manuel Barreiro.

 

Así o confirmou hoxe en rolda de prensa o Secretario xeral dos populares lucense José Manuel Balseiro, quen explicou que o obxectivo deste cónclave é reforzar o organigrama da agrupación local para que sexa unha alternativa realista e eficaz que permita situar ó Partido Popular, co apoio maioritario dos viveirenses, na alcaldía de Viveiro. Responde asimesmo, segundo suliñou, ó espíritu de renovación que en todo momento se auspiciou dende a dirección provincial en aras de promover o debate interno para fixar o programa e a estratexia a seguir no futuro, así como para enriquecer o propio proxecto político que defende o Partido Popular.
 
Os aspirante a presidir o PP de Viveiro terán sete días de prazo, a contar dende hoxe (o prazo rematará o vindeiro día 25), para formalizar a súa candidatura, e o único requisito para facelo será contar coa aval de 25 afiliados.

 

Unha vez proclamados oficialmente os postulantes para liderar a agrupación local do PP, éstes terán de prazo ata o día 11 de decembro ás 12 horas (48 horas antes da celebración do congreso) para presentar a lista coa súa candidatura completa, que estará integrada por un presidente e 19 vocais, e que deberá contar co aval do 20 por cento da afiliación, o que equivale a dicir 60 militantes.

 

Balseiro tamén explicou durante a súa comparecencia de hoxe que, no caso de que concurran varias candidaturas, a mesa do congreso estará conformada por un interventor e un representante de cada lista, así coma por el mesmo en calidade de Secretario xeral provincial, e que a votación realizarase en urna e a lista pechada.