Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Besteiro esquece que o PP gañou as municipais de 2007 e que ten preto de 100 concelleiros máis que o Partido Socialista”

Lugo, a 16 de novembro de 2009.- “O Partido Popular gañou as eleccións municipais do 2007. Superou de feito en 16.561 votos os resultados acadados polo Partido Socialista”. Así de contundente respostou o Presidente do Partido Popular lucense José Manuel Barreiro ás declaracións realizadas polo Presidente da Deputación de Lugo José Ramón Gómez Besteiro.

O líder popular considera que Gómez Besteiro opina sobre o Partido Popular porque tenta así esquivar dar explicacións sobre o que realmente interesa nestes intres á opinión pública, que foron demandadas polo propio PP, e que non é outra cousa que saber que está a pasar na Deputación ante a evidencia de que dous membros do seu equipo de goberno están sendo investigados pola xustiza. “Explicacións”, suliña, “que aínda estamos agardando”.

En calquera caso, Barreiro puntualiza, por si o “Sr. Besteiro o descoñece”, que nas municipais de 2007 o Partido Popular acadou 99.812 votos (42,12% e 344 concelleiros); o PSOE, 83.251 (35,13% e 259 concelleiros) e o BNG, 39.071 (16,49% e 101 concelleiros). “Os resultados son contundentes. O PP gañou as eleccións; outra cousa distinta e que, tras o acordo acadado entre o PSOE e o BNG, non sexa o Partido Popular o que ostente o goberno da Deputación”, apostilla.

José Manuel Barreiro tamén suliña que “ata o momento” o Partido Socialista non foi capaz de gañar ningunha cita electoral na provincia de Lugo, xa fosen de ámbito municipal, autonómico, nacional ou europeo. 

Especifica igualmente o líder dos populares lucenses que a elección do Presidente da Deputación é indirecta, e proba de elo é que “ata despois da celebración das eleccións municipais non se soubo quen ía ser o candidato socialista porque quen viñera defendendo os intereses dos socialistas na Deputación era Manuel Martínez”. Lembra neste senso José Manuel Barreiro que o propio Gómez Besteiro foi o “candidato tapado do Sr. José Blanco e que el mesmo ata última hora non tivo claro se ía ser Presidente. Ó que non puido chegar, pese a que aspiraba a elo, foi a liderar ós socialistas lucenses porque Ricardo Varela adiantouselle na puxa, nun congreso cunha amplia representación de pouco máis de cen persoas”.

AUSENCIA DE PROXECTO E DE TRABALLO.- Barreiro destaca igualmente que o único partido que presentou daquela e segue a manter un proxecto claro para a Deputación é o Partido Popular, que é o que asumiu de feito a responsabilidade de dar contido ós plenos provinciais coa presentanción de iniciativas encamiñadas a buscar solucións ós problemas que atinxen á provincia e a acadar para os lucenses máis infraestructuras e servizos e un maior grao de benestar.

“Os habitantes desta provincia teñen claro que o único partido que ten unha liña política definida na administración provincial é o Partido Popular porque resulta palpable que o acordo de goberno que existe entre PSOE e BNG limítase a un reparto de competencias e de cartos no que Besteiro só se preocupa polo seu atobombo e Antón Bao por pagar anuncios a conta de todos os lucenses para animar á participación en manifestacións”, explica.

Segundo engade, “é xa público e notorio” a falla de traballo e de adicación que impera na Deputación, do que é boa mostra a carencia de contido permanente que hai nas xuntas de goberno e nos propios plenos provinciais no que atinxe á iniciativa do equipo de goberno.

“Tamén é público e notorio ó culto á propia imaxe que practica o Sr. Gómez Besteiro, quen amosa cada día estar máis preocupado por buscar calquer excusa, por moi inverosímil que resulte, para autopromocionarse dentro do seu propio partido que en resolver os problemas que afectan a todos os cidadáns desta provincia. Emprega a Deputación, de feito e de xeito exclusivo, como trampolín para rendir pleitesía á súa figura”, engade.   

José Manuel Barreiro tamén ironizou coa “obsesión” que parece ter Goméz Besteiro coa súa persoa ou “non seu defecto, o seu escudeiro Antonio Gato, que o suple normalmente nestas tarefas”. Aínda que agradecido desta “preocupación constante”, considera que este interese pode estar relacionado coa percepción existente nas propias filas socialistas de que voltarán a perder as municipais de 2011 e, con elo, a Deputación.