Santiago, 14 de novembro de 2009.- O Partido Popular, a través da súa deputada Emma Álvarez Chao, ven de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa destinada a que a Xunta adopte medidas para minimizar os danos provocados polos xabarís nas colleitas. En concreto, a proposición non de lei insta á Xunta a realizar o control da poboación de xabarís que habitan en zonas de especial interese agrario, estudia-lo desbloqueo de zonas de caza restrinxidas na actualidade, que son de interese agrario e que actúan como refuxios de camadas destes animais e crear un plan de actuacións específicas con medidas concretas encamiñadas a minimizar os danos provocados polos xabarís nas colleitas.
Con esta proposición non de lei, Álvarez Chao faise eco da preocupación manifestada por agricultores e gandeiros galegos ante un problema que se está a facer especialmente patente nas comarcas da Mariña e da Terra Chá. A deputada do Grupo Popular salienta que existe un crecente temor ante as perdas producidas nas colleitas polos danos ocasionados por estes animais. Así mesmo, remarca que, aínda que a presencia dos xabarís se mantén durante todo o ano, “a incidencia nótase máis nos meses de sementeira e colleita”.
Os danos que causan os xabarís acadan todo tipo de cultivo, sendo particularmente dañinos nas plantacións de millo que, para alimentación da gandeiría, experimentaron un crecemento moi importante nos últimos anos. Emma Álvarez Chao asegura que a preocupación de agricultores e gandeiros “é unha constante” nos contactos que a deputada mantén co sector na comarca da Mariña, á que representa, ao obxecto de abordar de xeito directo os seu problemas e inquedanzas e levalos á Cámara galega para contribuír á súa solución, como é o caso desta iniciativa.