Partido Popular de Lugo

O PPDEG SOLICITA MEDIDAS PARA CONTROLAR O GANDO SOLTO E ASÍ EVITAR ACCIDENTES DE TRÁFICO E DANOS NOS TERREOS AGRÍCOLAS

Santiago de Compostela,  31 de  outubro  de 2010.- O PPdeG ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta de Galicia a promover medidas para regular o aproveitamento do monte para pasto e controlar o gando solto para evitar posibles accidentes e danos nos terreos agrícolas. Entre as medidas solicitadas polo Grupo Popular figuran poñer en marcha un rexistro de terreos forestais de pastoreo regulado, impulsar acordos entre gandeiros e propietarios así como promover cercados gandeiros para controlar a vexetación e garantir que o gando non invada zonas onde é prexudicial a súa presenza.

Segundo a voceira de Montes do PPdeG, Emma Álvarez Chao, acordo coa lei básica de montes o pastoreo é un aproveitamento forestal que é do propietario do monte, por iso “é preciso a regulación e o control do gando mostrenco da nosa Comunidade a fin de garantir o respecto e a propiedade do monte e evitar os accidentes de tráfico que se ocasionan  cando invaden as calzadas”.

Álvarez Chao recorda que a superficie do monte en Galicia ocupa da orde de dous millóns de hectáreas, das cales unha terceira parte son de propiedade privada. “A presenza de gando solto no monte galego sen autorización  dos donos forma parte da idiosincrasia do noso país, sendo frecuente que invadan calzadas chegando incluso a provocar accidentes e tamén as queixas dos donos de terreos agrícolas pretos ao monte, polos danos que ocasionan estes animais nas súas colleitas” indica a deputada popular. 

Ante iso, a iniciativa popular tamén inclúe instrumentar procedementos de defensa eficaz dos propietarios ante a presenza deste gando sen autorización en terreos privados e obrigar aos donos de gando nos cercados á realización dun marcaxe visible, ademais do microchip obrigatorio.