Lugo, a 31 de outubro de 2009.- O Secretario xeral do PP de Lugo José Manuel Balseiro foi o encargado de presentar o informe de xestión, que abarca dende decembro de 2004 ata hoxe.
Tras facer mención e loubar a traxectoria da súa antecesora no cargo, Ana Chao, e amosarlle o seu agradecemento o Presidente José Manuel Barreiro pola súa confianza, Balseiro fixo extensible o seu agradecemento “a todos os que, dun xeito calado pero constante, con maiores ou menores responsabilidades, fixeron, fixéchedes posible, co voso traballo inesgotable e desinteresado, que o Partido Popular de Lugo sexa a maior organización democrática da provincia”.
Balseiro referiuse o XV Congreso do PP coma un encontro que servirá “para reafirmar e actualizar, aínda con máis forza, máis entusiasmo e máis entrega, o proxecto de liberdade, de benestar, de progreso e de honestidade que puxemos ó servizo da sociedade e que imos fortalecer polo compromiso con esta terra, con Galicia e con España… que imos fortalecer porque nos move a paixón por Lugo”.
AFILIACIÓN E RESULTADOS ELECTORAIS.- O Secretario xeral dos populares lucenses suliñou que dende decembro do 2004, o PP acadou 1.578 afiliados máis, “un 15% máis de músculo”, “a maior renovación por engádega xamais experimentada por este partido”, explicou.
Fixo lembranza tamén das catro citas electorais que se celebraron no intervalo entre congresos. “Todos eles nun ambiente de dificultade”, indicou, ó tempo que suliñou que, pese a todo, “a crecente confianza dos lucenses no Partido Popular, e o traballo de todos os afiliados e simpatizantes para multiplicar a nosa mensaxe, foi a sabia que mantén e mantivo viva a esperanza de cambio”.
Así, segundo dixo, nas municipais de 2007, “un momento complicado, difícil, baixo, debilitados polos enfrontamentos que no seu momento nos afectaron e que está claro non deben volver a repetirse, e que estamos seguros hoxe están superados”, o Partido Popular acadou a responsabilidade de gobernar en 33 dos 67 concellos de Lugo, co 42,12% dos votos.
Nas xerais do 2008, o PP de Lugo foi a lista máis votada en 7 de cada 10 concellos lucenses, o 44,5% dos lucenses deron o seu apoio ao PP, “pero está claro que foi tras as eleccións autonómicas do 2009 cando o Partido Popular de Lugo soubo dar a talla e contribuír dun xeito decidido, incontestable, definitivo, á victoria electoral en Galicia. Lugo foi a única provincia na que o Partido Popular acadou maioría absoluta de deputados”.
“Gañamos ás enquisas, e a pesar de voltar a loitar con moitas cousas en contra, o PP foi capaz de manter a porcentaxe de votantes acadada nos comicios autonómicos de 2005”, dixo, ó tempo que indicou que o PP en Lugo acadou unha maioría ampla próxima ó 54% nos comicios europeos. Sacamos 20 puntos de diferencia ó PSOE e 45 ó Bloque Nacionalista Galego”.
“Estamos moi agradecidos ós votantes. A todos, porque non miramos o carné dos votos. E por suposto, estamos agradecidos a todos vós, ós interventores, ós apoderados, ós militantes ó abnegado traballo dos membros das Novas Xeracións, pola vosa entrega total e absoluta”.
PRÓXIMOS RETOS.- Balseiro recoñeceu que o reto é agora recuperar a Deputación e a alcaldía das principais cidades e vilas lucenses. Neste senso o secretario xeral avogou por “seguir pisando o terreo” porque, segundo salientou, “porta a porta, somos imparables”.
O Secretario xeral dos populares lucenses tamén suliñou que o XV Congreso do PP de Lugo representa un novo paso na modernización do partido, iniciada no 2004, no que se actualizaron as estruturas e o ideario da formación. Así, explicou que xa se renovaron 47 comités locais, algúns dos cales levaban máis de 20 anos sen facelo; unha labor que, segundo adiantou, continuará, e que, na súa opinión, “representa un compromiso de transparencia, honestidade, de alento democrático e en moitos casos xenerosidade”.