Partido Popular de Lugo

O PPdeG ACOLLE CON GRAN SATISFACIÓN A CONFIRMACIÓN FEITA HOXE POLO CONSELLEIRO DE CULTURA NO PARLAMENTO DE QUE SE DESTINARÁ MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS Á RECUPERACIÓN DA MURALLA DE LUGO

Santiago, 29 de outubro de 2009.- O PPdeG, e en especial os seus representantes lugueses, considera unha “importantísima noticia”, que acolle con gran satisfación, a confirmación feita hoxe polo conselleiro de Cultura no Parlamento de que o seu Departamento vai destinar máis dun millón de euros á recuperación da Muralla de Lugo e o seu contorno.

No transcurso da súa comparecencia na Comisión parlamentaria de Economía para dar conta dos Orzamentos da súa consellería para 2010, o titular de Cultura, Roberto Varela, asegurou que se van destinar preto de 10 millóns de euros para a protección e promoción do patrimonio histórico galego, un 8,2 por cento máis que no presente ano, ademais de 970.000 euros en axudas para protección e intervención neste eido, un 33,75% máis que en 2009. Entre as actuacións comprendidas nese epígrafe, ás accións na Muralla de Lugo corresponderánlles algo máis dun millón de euros. Igualmente, anunciou que se destinarán 400.000 euros ao Museo da Romanización.

O deputado Jaime Castiñeira salienta que estas actuacións demostran que “Galicia e Lugo contan cun Goberno autonómico responsable e que outorga ao noso patrimonio histórico o interese que merece”.  A Muralla romana, engade Castiñeira, “constitúe, non só un dos principais valores históricos de Galicia, senón a carta de presentación de Lugo de cara ao turismo”, polo que “era urxente unha actuación decidida para a súa recuperación e mantemento”, que está a executarse xa “gracias a un Goberno do Partido Popular, despois de que a Xunta anterior quedara en meras declaracións de intencións”.

“O Partido Popular e o Goberno de Alberto Núñez Feijóo cumpren con Lugo”, subliña o deputado, quen espera así “aplacar as dúbidas interesadas que algúns se empeñaron en sembrar para agochar a ineficacia do seu partido cando tiña responsabilidades na Xunta”.