Partido Popular de Lugo

O PP avoga por incentivar ós sectores productivos da provincia para lograr remontar a crise económica

Lugo, a 29 de outubro de 2009.- A ponencia político económica  do Congreso Provincial do Partido Popular de Lugo nace co compromiso real por facer de Lugo unha provincia moderna, onde cada lucense poda ter unha calidade de vida acorde as súas necesidades.
Na ponencia económica que  presentará o sábado o coordinador do texto, Jaime Castiñeira, defenderá propostas concretas para dar un pulo aos sectores estratéxicos da provincia. O debate da ponencia “Lugo a nosa prioridade” permitirá o intercambio de opinións dos compromisarios que participen no Congreso. De feito, presentáronse unha veintena de enmendas, a maior parte delas de adición, que serán debatidas durante a celebración do encontro.

Unha das máximas do Partido Popular de Lugo é devolver a confianza aos lucenses e nese senso proporán medidas tan específicas como o deseño dun Plan provincial que frene o gasto innecesario e o descontrol “ao que nos ten acostumados o goberno do PSOE e BNG da Deputación, moi similar ao do anterior bipartito da Xunta”. A conxelación dos soldos dos cargos políticos e a asignación dos grupos; a reducción de partidas de protocolo, publicidade e representación e a mellora e axilización da xestión da obra pública. Este mesmo modelo serviría para os concellos onde son necesarios deseñar programas que busquen o aforro no gasto corrente a favor da mellora da prestación de servizos básicos aos cidadáns. Os populares tamén poñen o acento na necesaria conxelación dos impostos e taxas municipais. 

Os populares teñen claras as prioridades da provincia. Afirman que a actitude e a maneira de actuar dos políticos será clave para sair da situación de crise que vive o país. De aí que as propostas que presentan “fuxan da improvisación e do despilfarro ao que nos teñen acostumados no goberno da Deputación así como noutros municipios onde goberna o PSOE”.  

O apoio aos emprendedores e o mellor camiño para reactivar a actividade económica e a creación de emprego. O Plan Impulsa  Lugo e outras iniciativas que naceron ao seu amparon supuxeron o primeiro compromiso do goberno da Xunta de Feijoo co sector empresarial.  

Medio rural: o compromiso cos gandeiros pasa por ampliar a recollida de residuos agro-gandeiros; axudas compensatorias, fomento do consumo de producción de vacún galego, tamén hai que destacar a aprobación dun plan estratexico do sector lácteo para garantir a súa preparación para competir en prezos cando desaparezan as cotas, entre outras cousas, potenciarase a mellora das explotacións, marketing estratéxico para o producto Leite de Galicia e a diversificación da producción.

No sector vitivinícola os populares propoñen impulsar unha nova lei que regule a promoción, comercialización e o consumo responsable de viño para que teña a consideración de alimento segundo a normativa vixente, así como a posta en marcha dun plan de marketing para incentivar os viños da Ribeira Sacra; e no eido forestal os populares defenden a creación dun servizo de sanidade e outro de mellora xenética forestal.

Mar: promover o consumo dos productos que procedan da actividade pesqueira da provincia, loita contra a pesca ilegal, liñas de axudas ao sector pesqueiro, cambio de TACs e cotas europeas que tanto teñen penalizado á flota galega; aposta pola homologación e recoñecemento das titulacións a escala europea; crear autoridade portuaria de Lugo e acadar a apertura ao tráfico de Alcoa.

No ámbito industrial a aposta dos populares pasa por axilizar a dotación de chan para o establecemento de empresas na provincia, mellora das infraestructuras loxísticas e do transporte e un subministro eléctrico de calidade.

Xa no tocante a vivenda e construcción impulsarase un parque de vivendas de promoción pública en aluguer, proxectos específicos para facilitar o acceso a vivenda no rural. O compromiso do PP coas dificultades de moitas familias para ter unha vivenda xa se empeza a plasmar con medidas como a adoptada recentemente de  reducción do Imposto de Transmisions Patrimoniais.

As Infraestructuras teñen o seu protagonismo dentro dos obxectivos dos populares lucenses que defenden unha provincia ben comunicada. Nese senso destacan como compromiso do PP con Lugo a creación e mellora de vias que contempla o Plan Move da Xunta.

As novas tecnoloxías e outro dos piares básicos da folla de ruta do PP. É prioritario desenvolver unha infraestructura de telecomunicacións de banda ancha, así como o mantemento de telecentros no rural. Son urxentes os investimentos en equipamentos TIC para poder integrarse na Sociedade de Información e a Innovación para acadar a plena alfabetización dixital de todos os lucenses para garantir mellores oportunidades de negocio, económicas e laborais.

Os populares entenden o tratamento do turismo como instrumento para o reequilibrio territorial. Nese senso anuncian un plan de axuda para adecuación e promoción do turismo e dos recursos turísticos de municipios da costa e do interior de menos de 5.000 habitantes. Tamén apostan por levar adiante plans específicos para potenciar o turismo rural, termal, náutico, cultural, de congresos ou gastronómico … Destácase asimesmo a necesidade de poñer en marcha esta estratexia aproveitando a celebración do Xacobeo.