Lugo, a 26 de outubro de 2009.- O Presidente do Partido Popular de Lugo e candidato á reelección José Manuel Barreiro presentou hoxe as liñas básicas que rexirán o XV Congreso da formación política que se celebrará o vindeiro día 31 no auditorio Gustavo Freire, indicando que o obxectivo primordial é “promover o debate interno e aportar ideas ó conxunto da sociedade”.
Neste contexto salientou a importancia da ponencia política que se vai debatir e que versará sobre a situación económica que está a vivir a provincia de Lugo. Coordinada por Jaime Castiñeira e en cuxo relatorio participaron Daniel Vega e Aurora Vila, pretende contribuir a aportar alternativas para buscar cauces que permitan reactivar a actividade económica. “Un proxecto no que temos que implicarnos todos, porque é cousa de todos e interésanos a todos remontar o antes posible esta situación de crise. O título deste informe, “Lugo, a nosa prioridade”, define perfectamente cal é e vai a ser o noso plantexamento”.
Durante a súa comparecencia, Barreiro estivo acompañado por algúns dos integrantes da mesa do congreso, que estará presidida por Joaquín García Díez. Agustín Baamonde Díaz será o vicepresidente e María Gómez Pallín, a secretaria. Begoña Gaute, Iria Fernández Álvarez, María Luisa Macia Martínez e Carlos Díaz Bande actuarán como vocais.
García Díez indicou que era “un honor” presidir o encontro e circunscribiu a súa transcendencia no feito de ser o primeiro que se celebra tras os comicios autonómicos. “A celebración deste cónclave é moi importante para a consolidación e asentamento dos cambios e renovacións iniciados, ó tempo que o paso previo para que Lugo conte coa súa Xunta Local, como antesala da organización do Partido na cidade ante as próximas eleccións municipais”, explicou.
FEIJOO, NA CLAUSURA.- No Congreso, que será clausurado polo Presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo, participarán preto dun milleiro de persoas, das que case 800 serán compromisarios (600 elexidos nas diferentes agrupacións locais en función da afiliación e os resultados acadados nas últimas eleccións autonómicas; 145 membros natos, que son os integrantes da xunta directiva provincial e da comisión organizadora do Congreso, e 30 representantes de Novas Xeracións).
José Manuel Barreiro, en calidade de candidato á reelección, iniciou a semana pasada unha ronda de reunións pola provincia, que continuará ata mediados desta, para recabar o respaldo dos compromisarios e explicarlles a liñas básicas do seu proxecto político para o Partido Popular de Lugo.
PROXIMIDADE, EIXO FUNDAMENTAL.- Neste senso insistiu na súa visión de que a acción política debe fundamentarse na proximidade e na apertura á cidadanía. “Saber escoitar e ser capaces de dar resposta ás demandas que nos plantexan os lucenses”. Ese, segundo dixo, debe ser o principio que rixa o funcionamento do partido e nese contexto “é preciso crear os cauces internos que sexan necesarios para lograr ese obxectivo”.
Así, o proceso de renovación e actualización das xuntas locais debe, na súa opinión, continuar para “asegurarnos de que o noso partido e a súa estructura orgánica está viva”.
No que atinxe á nova executiva, sen dar nomes a maiores do xa confirmado José Manuel Balseiro (que continuará como secretario xeral), Barreiro indicou que nel combinarase renovación e veteranía. “Trátase de que a estructura do comité executivo dé resposta ás inquedanzas dos afiliados e que sexa capaz de aplicar dende as institucións ou dende os máis diversos ámbitos sociais, a línea política que emane das bases polo que adaptaremos o organigrama a ese obxectivo”, explicou.
inclúse corte de voz na sección SONS