Partido Popular de Lugo

O PPdeG pídelle explicacións a Varela e a Vázquez por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia pídelle explicacións a Ricardo Varela e a Manuel Vázquez por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias. Con respecto a isto, os populares quéixanse de que o alcalde de Castro de Rei Juan José Díaz, que tamén forma parte da Executiva do PSOE de Lugo como secretario de política municipal do PSOE lucense, siga os pasos dun secretario provincial, que ten pouco apego á xestión dos fondos públicos, como xa demostrou coa súa implicación na trama da presunta financiación irregular da axente electoral.

Así mesmo, os populares afirman que o líder do PSOE de Lugo está demostrando qué tipo de políticos ten no seu equipo ao nomear responsable de política municipal a unha persoa hoxe detida pola policía por presuntos delictos de prevaricación e tráfico de influencias. Para o PPdeG, é evidente, polo tanto, que Varela está dando probas de qué tipo de prácticas políticas teñen cabida no seu equipo e consideran que está claro que quere rodearse de persoas cunha moralidade de xestión pública á mesma altura da que el demostrou cando conselleiro de Traballo na Xunta de Galicia.

Nesta liña, os populares afirman que Varela ten dúas opcións: desvencellarse do alcalde de Castro de Rei ou asumir  a súa complicidade con ese tipo de prácticas que, ao parecer, son as que o fixeron prosperar no PSOE de Lugo.

Do mesmo xeito, o PPdeG esixe unha rápida actuación por parte de Vázquez e pídelle que aclare se quere ter membros da súa executiva provincial en Lugo “manchados” por presuntas accións ilegais. Con respecto a isto, os populares agardan que Vázquez aplique, ao menos, unha parte da moralidade que ven defendendo e corte de raíz este tipo de prácticas con decisións de calado.

Por outra parte, o PPdeG lembra que este caso chegou a levar á policía xudicial a recabar información á Mancomunidade de Terra Chá, organismo con sede no concello de Cospeito, aínda nada ten que ver co goberno dese municipio. Con respecto a isto, os populares consideran conveniente aclarar que esta operación levada a cabo pola policía neste municipio só pretende conseguir máis datos sobre a presunta prevaricación e tráfico de influencias do alcalde socialista de Castro de Rei.