Lugo, a 22 de outubro de 2009.- O Partido Popular presentará enmendas ós orzamentos xerais do Estado para o 2010 por valor de 70 millóns de euros, que farán especial énfase en obras de infraestructuras de gran relevancia para o desenvolvemento da provincia, segundo explicaron hoxe en rolda de prensa senadores e deputados nacionais desta formación política.
O senador José Manuel Barreiro aproveitou a ocasión para facer unha comparanza entre as contas presentadas por Rodríguez Zapatero e Núñez Feijoo na que o primeiro, segundo a súa opinión, “sae moi mal parado”. “Os orzamentos do Goberno central voltan a impregnarse de irrealidade e a rebosar dunha ilusión que a estas alturas xa ninguén cre mentres que os da Xunta parten dunha concepción realista e acorde coa actual situación económica”.
“Enfróntanse dous modelos de xestión ben distintos. Por unha banda, máis impostos, máis déficit e máis paro; e pola outra, menos impostos, potenciación dos servizos públicos e aposta decidida pola creación de emprego. Feijoo prioriza a inversión e o gasto social, e reduce drásticamente o desembolso corrente; Zapatero opta por facer que os que menos teñen paguen as consecuencias da súa mala xestión da crise”, engadiu. “Cada familia lucense vai a ter que pagar 60 euros ó mes a maiores por obra e gracia da suba de impostos do Goberno socialista”, apuntillou.
Neste contexto, Barreiro fixo unha valoración “moi positiva” dos orzamentos da Xunta para a provincia de Lugo e esgrimiu para refrendalo o feito de que a inversión situarase o vindeiro ano e 1.143 euros por habitante ó superar os 406 millóns de euros; e que, en comparación con este exercicio e no que atinxe ás partidas asignadas a actuacións concretas, o montante global incrementase en máis de 35 millóns de euros, ó pasar de 132,8 a preto de 168 millóns.
“Aínda tomando como referencia este dato, Lugo sae moito mellor parado co Goberno do PP que co do bipartito, ó pasar de 373,6 a 471,6 euros por habitante, practicamente 100 euros de inversión máis por lucense, o que supón un incremento do 26 por cento”, engadiu.
MELLORA DO SERVIZO FERROVIARIO.- “O paquete de enmendas que presentamos é austero e realista porque, dada a crise económica na que estamos inmersos, non queremos facer demagoxia; e se hai que apretarse o cinto, nos non imos presentar gastos que sabemos que son imposibles de asumir”, indicou Joaquín García.
Así, segundo explicaron García Díez e Olga Iglesias Fontal, entre as enmendas que presentarán, haberá unha na que demandan o incremento das frecuencias diarias nos servizos de corta distancia dos trens nas liñas Lugo-Monforte e Lugo-A Coruña, para a que reclaman un orzamento de tres millóns de euros.
Os populares, tras matizar que esta iniciativa vai encamiñada a compensar os posibles déficits de explotación deste incremento das frencuencias, lembraron que pese a presentar un gran número de iniciativas parlamentarias encamiñadas a lograr este obxectivo e que incluso no Concello de Lugo aprobouse, co respaldo de todos os grupos, trasladar esta demanda ó Goberno central, a realidade é que nada se fixo neste sentido. Suliñaron incluso que o Goberno do Estado discrimina a Lugo neste aspecto porque os eixos A Coruña-Santiago e Santiago-Pontevedra–Vigo si recibiron inversións para mellorar este tipo de servizo.
O establecemento dun servizo diario diurno coa posta en marcha dun Tren Alaris ou similar, na liña Madrid-Lugo-A Coruña (tamén demandado nun acordo plenario no Concello de Lugo), é outra das peticións que plantexarán os populares e para o que solicitan seis millóns de euros.
MÁIS CARTOS PARA INFRAETRUCTURAS VIARIAS.- Para a restauración e conservación da Muralla de Lugo tamén presentarán unha enmenda, por importe de 200.000 euros. “Dado que a Xunta vaise implicar no mantemento e conservación deste importante monumento, cremos que tamén o Goberno central debe sumarse a este obxectivo”, explicaron.
Outra enmenda, por valor de 100.000 euros, ten coma fin que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio encargue un estudio encamiñado a ver a posibilidade de que Lugo dispoña dun Parador de Turismo e no que se valore a viabilidade e a súa ubicación.
Solicitarán tamén 200.000 euros para a iniciación dos trámites que permitan proceder ó desdoblamento da Ronda Norte, e 500.000 euros para encargar os estudios e os proxectos que resulten precisos para mellorar o trazado da N-VI, entre A Tolda e Garabolos, e lograr así que teña características similares á actuación realizada recentemente entre Nadela e Tolda de Castilla.
A estas enmendas hai que engadir a petición de maior inversión para o AVE Ourense-Lugo e Lugo-A Coruña; para a Autovía do Cantábrico, para a que se solicitan 10 millóns de euros máis; para a Autovía Santiago-Lugo, a A-54, para a que se piden cinco millóns; ou os 15 millóns euros máis que pedirán para a A-56, Lugo-Ourense.
Os representantes populares, aínda que consideran que estes incrementos orzamentarios “son de xustiza”, amosáronse escépticos á hora de que sexan aceptados polo Goberno do Estado, “dada a tendencia dos últimos anos”, polo que, segundo aseguraron, reiterarán as súas demandas cando as contas para o 2010 vaian ó Senado.