Santiago, 22 de outubro de 2009.- O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro Cadillo, confirmou a preguntas do voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, que o Goberno central adebeda gran parte dos pagos das axudas a 4.500 mariñeiros galegos acollidos aos paros biolóxicos, tanto nos plans de recuperación da pescada así como doutras especies capturadas polas flotas de NAFO, Gran Sol, arrastre de litoral e palangre de superficie.
Os ceses temporais de actividade son unha medida, imposta polo Goberno socialista de Zapatero que implica que estas flotas teñen que deixar de traballar unha media de dous meses ao ano. Malia isto, os paros son asumidos pola flota porque teñen a súa xustificación na sustentabilidade biolóxica das distintas especies. O problema está, no atraso da Administración central tanto á hora de aprobar as ordes que regulan as devanditas axudas –algunhas chegaron máis de 10 meses tarde- como á hora de efectuar os pagos correspondentes para compensar a perda de ingresos de armadores e mariñeiros durante o tempo que dura a parada. Esta situación está a xerar importantes críticas de distintas asociacións de armadores, sindicatos e dos propios mariñeiros, ante a pasividade e indiferenza do Goberno central.
Desde o PPdeG explican que incluso se están a dar circunstancias tan esperpénticas como que moitos mariñeiros se están a ver obrigados a facer a paradas durante este ano cando aínda teñen pendente o cobro das axudas correspondentes ao 2008.
QUEIXA FORMAL.- O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro interesouse por esta cuestión no Parlamento de Galicia, no seo da Comisión de Pesca e Marisqueo celebrada no día de hoxe e adiantou que a súa formación política pedirá á Xunta que efectúe unha queixa formal diante do Goberno socialista central, desde a administración autonómica si se actúa en apoio do colectivo afectado, dos armadores e mariñeiros galegos.
DANO MÚLTIPLE A ECONOMÍA DE MARIÑEIROS E ARMADORES.- O voceiro popular lembrou que para os armadores o atraso nos pagos é un lastre máis para un sector moi prexudicado pola crise e para os mariñeiros supón unha perda considerable de ingresos durante o tempo no que dura a parada, o que afoga dun xeito evidente as súas economías familiares. Os múltiples danos e prexuízos que para todos eles provoca a actitude inaceptable do Goberno central non fai que os responsables do Executivo socialista modifiquen a súa posición, máis ao contrario están incluso aumentando a demora nos pagamentos, mediante fórmulas dilatorias inxustificadas: “Piden documentación e datos que xa están en moitos casos en poder da administración, ou que o propio Ministerio podería obter directamente consultado rexistros públicos da súa competencia”.
En contraste con todo isto, Balseiro valorou moi positivamente os esforzos de mediación ante o Goberno socialista que se están a efectuar desde a nova consellería do Mar. “A Xunta púxose ao fronte das reclamacións dos mariñeiros galegos para facer presión e que Madrid axilice os pagos”.