A Mariña, 20 de outubro de 2009.- Os deputados Emma Álvarez Chao e Jose Manuel Balseiro Orol, explicaron hoxe en rolda de prensa o altamente positivos que son para a nosa comarca os primeiros orzamentos deseñados polo Goberno de Núñez Feijoo. De feito, a Xunta investirá 583 euros por cada veciño da Mariña unha “cifra record” (superior á media lucense e moi superior a media do investimento do Estado na Mariña) que amosa ben ás claras o alto grado de compromiso do novo Executivo cunha comarca esquecida, discriminada e prexudicada polo anterior Goberno bipartito.
Os parlamentarios desagregaron unha por unha as distintas partidas contidas nas contas autonómicas para concluír que “empregues a fórmula que empregues a Mariña sae ganando co novo Goberno do PPdeG”:
34% MÁIS EN FONDOS PARA ACTUACIÓNS ESPECÍFICAS.- Se facemos a análise en base ao concepto de “investimento reais”, isto é, partidas que aparecen con consignación específica nos orzamentos, a Xunta achegará á nosa comarca 20,08 millóns de euros, isto é un 34% máis ca no 2009, cando PSOE e BNG tan só comprometeron un total de 14,9 millóns de euros.
Se pola contra, empregamos o investimento en partidas territorializadas, isto é, partidas xenéricas pero que acabarán por executarse nalgún dos concellos da nosa comarca a Xunta achegará 44,11 millóns de euros, isto é un 194% máis que co PSOE e o BNG.
Álvarez Chao e Balseiro Orol explicaron que as contas para o ano próximo inclúen partidas importantes en materia de infraestruturas, recursos sanitarios, solo industrial e vivenda.
INFRAESTRUTURAS.- Destacan, polo seu montante económico os 5,8 millóns de euros para o treito autonómico do corredor ao seu paso pola nosa provincia, “que contrasta cos raquíticos 10.000 euros que destina o Goberno central para o treito da súa competencia” Os populares explican que a esta cantidade “debemos engadir os 32,3 millóns de euros que se manexaron tras a adxudicación o pasado mes de xuño das obras da VAC entre Celeiro-San Ciprián”. A Xunta tamén achega 847.277 euros para a mellora da LU-162 entre Ferreira e Cangas de Foz e 3,5 millóns de euros para a mellora do firme e seguridade nas interseccións da Lu-862 que conecta Viveiro cos límites da provincia.
MÁIS SOLO INDUSTRIAL, MÁIS EMPREGO.- Tamén salientaron os máis de 1,7 millóns de euros que o Executivo do PPdeG destinará aos parques empresariais da Mariña, como fórmula para apostar pola creación de empresas e a xeración de novas oportunidades de emprego. A Xunta achega fondos para o polígono de Valadouro-Alfoz (93.046 euros), Viveiro (1,3 M€), Barreiros 2ª fase (157.022), A Pontenova (80.000)
Preto de 600.000 euros o Executivo de Feijóo adicará ao programa de rehabilitación de vivendas en Lourenzá, Mondoñedo e Viveiro, ademais da influencia na nosa comarca do programa xenérico de rehabilitación nos núcleos rurais e cascos históricos no que se duplica a partida consignada polo bipartito para o presente exercicio.
UN 51% MÁIS PARA O HOSPITAL DA COSTA.- Finalmente, mención especial corresponde ás partidas no ámbito sanitario. Para “reformas varias no Hospital da Costa” segundo as previsións do “plan director” o novo Goberno achegará 1,02 millóns de euros. Esta cantidade supera en preto dun 51% a cantidade consignada para este fin polo bipartito. En todo caso, cabe lembrar que os fondos que a Xunta xestionada por PSOE e BNG recollían para o hospital nunca chegaron a executarse. “Algo que cambiará co novo Goberno, que xa anunciou o seu compromiso de mellorar o hospital e acometer a súa ampliación nesta lexislatura”.
A Mariña lucense recibe máis investimento por habitante que a media do conxunto da provincia. A Xunta destina máis cartos que o Goberno central. En definitiva, todos os datos evidencia que a nosa comarca recuperou o seu protagonismo. “Máis se cabe, sinalan os deputados populares, porque como poderemos ver dentro dun ano, o PP si cumprirá o que compromete, e polo tanto acadará un alto grado de execución destas partidas, algo que non acontecía co bipartito, que presupuestaba o que despois non investía”.