Partido Popular de Lugo

O PPdeG APLAUDE O PROXECTO DE LEI DE PESCA APROBADA ONTE POLO CONSELLO DA XUNTA PORQUE NACE DO TRABALLO CONXUNTO CO SECTOR

Santiago, 16 de outubro de 2009.- O Partido Popular de Galicia expresa a súa satisfación polo aprobación, onte polo Consello da Xunta, do proxecto de lei de Pesca de Galicia, un texto que aplaude porque nace do traballo conxunto co sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

En relación coas declaracións feitas públicas pola portavoz de Pesca do PSdeG, o voceiro de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, salienta que o PSOE “vive nun mundo ao revés” e lémbralle aos socialistas que foi a lei do Bipartito a que xeraba confrontación, polémica e malestar no sector que a rexeitaba marioritariamente, mentres que a actual nace cun “respaldo unánime”.  Neste senso o vociero do Mar dos populares resalta que a nova lei é apoiada polo Consello Galego de Pesca, máximo órgano asesor da Consellería do Mar, no que están representados todos os axentes, e por subsectores como o dos bateeiros, “cos que o anterior Goberno mantiña un conflicto permanente”. Balseiro resume o contraste entre ambos textos lexislativos sinalando que “a lei do Bipartito non a apoiaba ninguén salvo os políticos socialistas e nacionalistas e o proxecto actual conta co respaldo de todo o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola”.

“Os populares cremos na maioría de idade do sector pesqueiro, e non na necesidade de tutelalo e controlalo, algo que era unha obsesión do Bipartito”, sinala o deputado, quen lembra o intento do PSOE de eliminar a Lei de Confrarías, “descendelas á segunda división normativa e regulalas en exceso eliminando a súa liberdade de organización e funcionamento”.

PERMEX.- Entre os avances do novo proxecto de lei, o portavoz popular de Mar salienta que a recuperación do permex mediante a fórmula xurídica incluída no proxecto de lei “é un avance normativo chamado a procurar grandes beneficios ao sector pesqueiro, sobre todo eliminar trabas burocráticas”, xa que o permex se establece pola vida útil da embarcación. O Goberno do PP, engade, “ofrece seguridade xurídica, mentres que socialistas e nacionalistas propoñían un salto ao baleiro eliminando este permiso de explotación pesqueira e marisqueira”.  

Finalmente, José Manuel Balseiro subliña o compromiso firme e irrenunciable adquirido pola Consellería do Mar de continuar co plan de loita contra o furtivismo, un instrumento “ao servizo do sector e da explotación ordeada e sostible dos recursos”. O deputado resalta que “hai que protexer ao sector que actúa baixo o amparo da legalidade fronte á acción dos furtivos”, algo que, malia poder xerar en ocasións certos conflitos, “debe ser unha aposta clara e decidida”. Ademais insiste en que os episodios de conflito xurdidos pola acción dos Gardacotas nada teñen que ver coa aprobación da nova lei, que está ainda en trámite parlamentario. “O PSOE debe aclarar se está do lado dos furtivos, que imperou ás súas anchas na súa etapa de Goberno, ou do lado do aproveitamento sostible dos recursos e de aqueles que traballan conforme á legalidade, que son maioría”.